Pontevedra, un modelo con voz propia na Semana de Mobilidade de Xixón e Zaragoza

274

O modelo urbano de Pontevedra é un exemplo cada vez para máis cidades e foros especializados a hora de planear proxectos cidadás que coiden as persoas. A Semana Europea de Mobilidade levará a experiencia local a Xixón e Zaragoza.

O xefe da Policía Local, Daniel Macenlle, participará o mércores, 16 de setembro, nas actividades programadas en Xixón co gallo da Semana Europea de Mobilidade presentando o proxecto dos camiños escolares e os días 17 e 18 presentará en Zaragoza o recoñecido e premiado modelo de cidade de Pontevedra nunha sesión aberta o público e xeral e noutra pensada para os que teñen capacidade de decisión e actuación: políticos, técnicos e profesionais.

“Pontevedra, camiñar resolve. Os camiños escolares” é o titulo da conferencia coa que Daniel Macenlle tentará de explicar o escenario no que se desenvolven os itinerarios escolares na cidade, unha experiencia que principiou no CEIP Álvarez Limeses hai cinco anos e que hoxe está estendido a todos ós centros educativos do casco urbano e do barrio de Monte Porreiro. “Agora estamos avaliando o levar os camiños escolares ao rural, de feito hai colexios dalgunhas parroquias interesados neles” sinala o xefe da Policía Local.

Promover un desprazamento alternativo ó vehículo -a mobilidade a pé- e un sinal intrínseco do modelo urbano de Pontevedra pero ademais nos camiños escolares únese a este obxectivo xenérico outros mais concretos e claramente educativos: “que os nenos e as nenas vaian andando e sós a escola fomenta a súa autonomía persoal, contribúe a crear hábitos saudábeis ao combater o sedentarismo, fomenta a cohesión social e a educación cívica” enumera o xefe da Policía Local.

Daniel Macenlle porá en valor o noso modelo urbano no Foro de Mobilidade Sustentábel de Zaragoza. Pontevedra é unha das catro cidades europeas convidadas, xunto a ela estarán Vitoria, Friburgo e Copenhague. O xefe da Policía Local amosará imaxes e estudos de tráfico de Pontevedra antes do ano 1996 e de agora para subliñar o profundo cambio que viviu a cidade, seguindo unha filosofía base: reducir a presenza de vehículos e devolver os espazos públicos os cidadáns, priorizar a mobilidade peonil.

O xefe da Policía Local fará un percorrido polo planeamento, deseño e execución de actuacións dirixidas a facer de Pontevedra unha cidade amable para as persoas: redución de carrís, ampliación de beirarrúas, plataformas únicas de preferencia peonil, aparcamentos disuasorios, recuperación de espazos públicos para uso e lecer dos cidadáns… unha experiencia que ten éxito, di Daniel Macenlle, “polo apoio social” acadado.