“Un cesto de mazás”, a memoria oral das vítimas silenciadas do 36

236

O Pazo de Mugartegui acolle o vindeiro, 24 de setembro, a presentación do libro Un cesto de mazás. Memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu, de Montse Fajardo, un traballo sobre a memoria das outras vítimas do 36, a través de dezaseis historias de represión contadas por persoas moi próximas ás protagonistas.

O concelleiro Luís Bará destacou esta mañá na presentación do libro que hai unha presenza constante de Pontevedra no libro, “especialmente na recuperación da figura de Josefina Arruti, da súa historia tan dura”, unha presenza que é producto do programa Memoria das mulleres que promove o Concello de Pontevedra a través da Concellaría de Patirmonio Histórico, e no que tamén colabora a escritora e xornalista, Montse Fajardo.

De todos os xeitos, Luís Bará aclarou que “non é un libro de temática local, senón universal, fala das consencuencias do 36, da represión, as vítimas que sufriron a represión invisibilizada” pero tamén “transmite emocións, sentimentos de significado universal, fala de tenrura, do sufrimento de nenos e nenas que non podían ir á escola como os fillos de Josefina Arruti”.

O concelleiro de Patrimonio Histórico destacou que o libro “é froito dun inxente traballo de investigación de moitos anos”, tamén e resultado “do talento, da capacidade de Monste Fajardo para contar historias porque consegue transmitir emocións desaparecendo a narradora e dándolle voz aos protagonistas”. E tamén destacou que a escritora ten “unha grande sensibilidade para tratar este tema que non é fácil, ten capacidade de empatía coas testemuñas falando no máis evidente”.

Pola súa banda, Montse Fajardo indicou que o seu obxectivo con este libro “é ampliar o concepto de vítimas; amosar as vítimas evidentes pero tamén as que as veces non nos decatamos nin sequera os que traballamos na Memoria”.