O modelo urbano une a Pontevedra con Vitoria, Friburgo e Copenague

267

É un modelo urbano recoñecido e premiado no mundo, unha realidade que explica que Pontevedra sexa unha das catro urbes europeas convidadas –xunto con Vitoria, Friburgo e Copenhague- ao Foro de Mobilidade Sustentábel de Zaragoza, onde hoxe e mañá o xefe da Policía Local, Daniel Macenlle, explica os pasos dados para facer de Pontevedra un exemplo de cidade inclusiva.

Daniel Macenlle amosou nun coloquio aberto ó público en xeral imaxes anteriores ao ano 1996 cando os vehículos eran os amos e da Pontevedra actual onde as persoas ocupan os espazos públicos. Unhas imaxes que falan da profunda transformación que viviu Pontevedra baixo a premisa de devolver a cidade aos cidadáns, unha transformación que fixo dela unha cidade amábel paras as persoas, para todas sen exclusión.

O xefe da Policía Local subliñou que o cambio de modelo urbano é froito dunha decisión política, nun principio contestada e que hoxe acada un amplo consenso social –“a razón do seu éxito”, apunta Daniel Macenlle- . Na súa intervención fixo un percorrido polo miúdo do planeamento, deseño e execución das actuacións dirixidas a facer de Pontevedra a cidade que é: falou da redución de carrís, da ampliación das beirarrúas, da implantación de plataformas únicas de preferencia peonil, da habilitación de aparcamentos disuasorios para evitar a entrada dos vehículos ao centro urbano, da peonalización dos casco histórico e amplas áreas de cidade, da recuperación de espazos públicos para o uso e lecer dos cidadáns…

Mañá está previsto que Daniel Macenlle faga unha intervención similar, aínda que cunha atención especial ós criterios técnicos que desenvolveron e desenvolven a aposta do Goberno local por unha Pontevedra peonil. Esta segunda intervención vai dirixida a un público concreto: aos que teñen capacidade de decisión sobre o planeamento dun concello: técnicos, políticos e profesionais.