Lores: “Estes cen primeiros días foron moi intensos e frutíferos”

147

“Teño que facer unha valoración moi positiva destes primeiros 100 días de Goberno -que se cumpren o martes 22- porque foron moi intensos e frutífero”. Así resumía o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores os primeiros 100 días do seu cuarto mandato. “Desde o primeiro día que tomei posesión, xa fixen a delegación de competencias nos concelleiros e non perdemos nin un minuto”, de feito asegurou que as 90 medidas que se comprometeu a impulsar ou pór en marcha nos primeiros 100 días de Goberno “están maioritariamente cumpridas”.

Manifestou que “nestes 100 días houbo unha actividade moi intensa, xa que hai obras en contratación, en execución e tamén pendentes de inaugurar”. De feito, confesou que “dende que son alcalde -agás o primeiro mandato- este foron os 100 primeiros días con máis intensidade”.

O alcalde afondou nalgúns dos temas abordados nestes primeiros cen días. A participación social -un compromiso da campaña electoral- é o obxectivo que marca o actual mandato. “Comprometémonos a ter máis participación social e xa tivemos asembleas de barrios e de parroquias”. Cualificou de “apoteótico” o verán cultural e festivo da cidade “con máis participación de xente ca nunca”.

O alcalde lembrou a relación de lealdade que se mantiña até o de agora coa Deputación provincial “que agora coa presenza do BNG no Goberno provincial é perceptible a boa sintonía neste mandato que será favorable para a cidade de Pontevedra”, e tamén destacou o trato cordial e de lealdade institucional co Ministerio de Fomento. De feito, lembrou que o luns manterá un encontro coa ministra, Ana Pastor para abordar proxectos do Ministerio na cidade como a materialización do convenio de urbanización da estrada de Ourense, a remodelación do nó de bombeiros, o paseo a Marín ou o proxecto da circunvalación de Pontevedra: A-57.

Fronte a esta visión, lembrou que “a entrevista que tiven co presidente da Xunta de Galicia non serviu para nada. Teño que lamentar o posicionamento da Xunta cara Pontevedra porque creo que a obriga das administracións é pornos de acordo para sacar adiante proxectos beneficiosos para todo o mundo”.

Tamén quixo facer un alto na valoración dos cen días para abundar nas liñas de investimento previstas para o mandato, o Plan Horizonte 2020 que permitirá “dar un salto cara adiante no modelo”. E que os case 60 millóns de euros que contempla o Plan “poderán ser superiores se hai achega suficiente da Administración Central e tamén da Autonómica”.

“Temos o ánimo de continuar este proceso de desenvolvemento dun modelo urbano que nos vai a dar moitas alegrías no futuro”, concluíu o rexedor municipal.

Miguel Anxo Fernández Lores: