A batuta da Banda de Música de Pontevedra cambia de mans

132

“Novos ventos, novas brisas, novos aires, novos mares…” chegan a Banda de Música de Pontevedra (BMP). Co seu Ciclo de Outono comeza unha nova etapa na que a batuta da agrupación cambia de mans.

O ciclo arranca o próximo 1 de outubro cun concertó moi especial: o derradeiro do que é o seu director desde o ano 2009, Juan Lois Diéguez. Na seguinte cita, o 29 de outubro, estará ao fronte o novo director artístico, Rafael Agulló Albors, que tamén dirixirá a BMP nos concertos dos días 12 de novembro e 22 de decembro.

Os novos aires traerán ao Ciclo de Outono a un director convidado. Será no concerto programado para o 26 de novembro. Nesta ocasión a Banda de Música de Pontevedra tocará baixo a batuta de José Ignacio Bleso Lull.

O cambio do director artístico é a novidade máis visible, explica Ana Franqueira quen apunta outras de orde interno como, por exemplo, que os ensaios da Banda serán polas mañás “en aras dunha maior profesionalidade”. “Temos moita ilusión posta nestes tempos novos” engade

A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, aproveitou a presentación do Ciclo de Outono para subliñar a “elevada calidade” da BMP expresar o seu convencemento de que terá unha “moi boa” acollida.

Os cinco concertos do Ciclo de Outono da Banda de Música de Pontevedra -1 e 29 de outubro, 12 e 26 de novembro e 22 de decembro- serán no Teatro Principal. O prezo da entrada e de 2 euros por concerto; 5 euros polo abono completo. A entrada é libre para os alumnos e alumnas do Conservatorio de Música “Manuel Quiroga”.