Os plenos municipais retransmitiranse vía internet

164

A Xunta de Goberno aprobou a contratación dun sistema integrado de tecnoloxía dixital co fin de garantir o correcto desenvolvemento dos debates do Pleno municipal, a súa gravación en audio e vídeo de forma segura e a obtención dunha calidade de sinal que estea preparada para a difusión a través de internet, a medio prazo vía streaming. Este equipo permitirá tamén no futuro a realización de video-actas que substituirán ás de papel que redactan os funcionarios municipais na actualidade.

O portavoz do Goberno local, Raimundo González, calcula que o seguimento dos plenos en tempo real por internet será unha realidade a principios do próximo ano.

Coa retransmisión dos plenos por internet darase un paso adiante no eido da transparencia ao abrir os debates a rede. Até agora os interesados teñen que acudir ao Teatro Principal se quere escoitar de primeira man o que ocorre na sesión plenaria.

Sistema dixital de microfonía, equipo de gravación de vídeo, cámaras robotizadas con control remoto, monitores, portátiles de control… integran a subministración contratada polo Concello que suporá un investimento de 33.785, 06 euros, IVE incluído.