O Metrominuto interesa ás Cidades que Camiñan

224

O Metrominuto estará presente nunha das sesións do III Congreso da Rede de Cidades que Camiñan, que comeza hoxe en Torres Vedras, un concello de arredor de 70.000 habitantes a uns 50 km ao norte de Lisboa, un encontro no que tamén se lle dará o Premio de Honra Cidade que Camiña a Pontevedra.

O xurado, que premia a cidade balear de Mahón, decidiu outorgar o galardón de honra a Pontevedra “pola súa excelente labor en prol dos peóns e os nenos, motivo polo que xa foi recoñecida tanto nacional como internacionalmente”. Subliñan os membros do xurado a implantación da velocidade 30 km/hora no municipio, a peonalización do casco histórico e a creación de camiños escolares seguros.

Recollerá o premio o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que hoxe estará na asemblea xeral da Rede Cidades que Camiñan, da que Pontevedra é membro dende 2013 e despois participará nunha visita pola localidade para coñecer as súas políticas de mobilidade sostíbel.

Será mañá cando o plano peonil de Pontevedra – que será presentado por Antón Prieto, membro do Gabinete da Alcaldía e coautor do proxecto_ comparta mesa redonda con outros temas relacionados coa mobilidade das cidades de Torres Vedras, Porto, Lisboa e Mahón.

A exposición sobre “Metrominuto. Premio Intermodes 2013” baséase en que este non debe ser a única medida que se implemente nunha cidade, xa que o realmente importante para favorecer o costume de camiñar non é a publicidade ou a persuasión, senón o deseño urbano axeitado para que as persoas camiñen con comodidade e adoiten esta rutina de mobilidade grazas á substitución dos coches por maiores espazos peonís.

Polo demais, exporase a experiencia que tivo lugar en Pontevedra a través dos departamentos de Mobilidade e Comunicación, as motivacións que deron lugar a este obxecto publicitario de tanta transcendencia fóra da cidade, así como un repaso aos diferentes modelos de Metrominuto que foron xurdindo en diversos lugares.

Pontevedra acudirá a Torres Vedras cun pequeno manual de 28 páxinas en tamaño A5, realizado en galego e posteriormente traducido ao portugués e español, titulado “Fai o teu propio Metrominuto”, e que será distribuído tanto en papel como en soporte dixital na web da Rede de Cidades que Camiñan.

Ver toda a información do Metrominuto.