O alcalde coñece o traballo que se fai en Príncipe Felipe

170

Estivera moitas veces en actos, congresos e actividades deportivas celebradas no centro pero hoxe fíxoa a súa primeira visita institucional. O alcalde Miguel Fernández Lores acudiu a Cidade Infantil Príncipe Felipe, invitado polo novo director do complexo educativo asistencial, Xosé Ramón Couto e a deputado provincial delegada Eva Villaverde, quen subliñou o interese de abrir as portas do centro ás entidades, asociacións e á cidadanía.

O alcalde coñeceu de primeira man, durante un percorrido de hora e media, parte das instalacións e do traballo educativo-asistencial “de alta calidade e responsabilidade” que se fai en Príncipe Felipe. O percorrido incluíu o centro de día e o de acollida para nenos e nenas de 0 a 7 anos, a gardería, o módulo de convivencia para rapaces maiores de 7 anos, o auditorio e algúns espazos exteriores.

A Cidade Infantil Príncipe Felipe conta con tres centros de acollida, nos que viven ou son atendidos arredor de 210 menores; unha escola infantil con horario continuado (de 8 a 22 horas), con 90 prazas e a Unidade de Primeira Acollida (UPA), con oito prazas que poden ampliarse a dez en función das necesidades. Adicados a eles hai unha plantilla de 230 profesionais dos que case un centenar son persoal educativo.

A deputada Eva Villaverde aproveitou a visita do alcalde para poñelo ao día sobre o proxecto de mellora de accesibilidade a Montecelo que inclúe unha glorieta para reordenar o tráfico diante do acceso á Cidade Infantil.