A Orientación Educativa traerá máis de 200 profesionais a Pontevedra

218

Máis de 200 profesionais da educación de trinta asociacións do Estado estarán en Pontevedra os días 27 e 28 de novembro para participar nas IV Xornadas Nacionais de Orientación Educativa. É a primeira vez que se celebra en Galiza e chega a cidade da man das responsábeis da Asociación Profesional de Orientación Educativa de Galiza (Apoegal), dúas pontevedresas que foron quen de explicar ás vantaxes obxectivas de Pontevedra como cidade acolledora de congresos.

Beatriz Blanco e Laura Malvar, presidenta e tesoureira de Apoegal, presentaron as xornadas ao alcalde Miguel Fernández Lores a quen agradeceron as facilidades atopadas para organización do evento.

Baixo o lema “A orientación, un valor estable” os asistentes abordarán cuestións como a prevención da violencia e o acoso escolar; de que xeito estimular as capacidades dos rapaces ou a intelixencia emocional.

“Creemos na educación pública e nela pomos o noso afán e ilusión” resumiu a tesoureira de Apoegal, Laura Malvar.