O alcalde coñece os proxectos de Igualdade do IES Luís Seoane

73

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Educación e Igualdade, Carmen Fouces visitaron esta mañá o Instituto Luís Seoane, de Monte Porreiro para coñecer os seus proxectos de igualdade nos que traballa a comunidade escolar. Na biblioteca do centro e acompañados do director do Instituto e da ex profesora e aínda responsable dos proxectos da Unesco, Luísa Márquez, coñeceron o programa “Irene, la paz empieza en casa” ou “Repensado o presente e construíndo o futuro para todos e todas”, nos que os alumnos están a traballar na actualidade dentro dese marco.

O grupo de alumnos que traballa nos programas de Igualdade explicou que o proxecto se creou a raíz dun enfrontamento na aula entre mozos e mozas, polo que logo de pórse en contacto cos profesores, acordaron entre todos realizar un proxecto sobre igualdade a través dun traballo de investigación no que se empregaron redes sociais, música, audiovisuais, ou unha exposición. Neste momento están a gravar o audiovisual “Quen es ti?” co obxectivo de cambiar estas condutas.

Este grupo tamén presentou o proxecto “Irene, la paz empieza en casa” a un premio de nivel estatal de convivencia, e co que confían en chegar á sede da ONU en Nova Iorque para presentar esta proposta de como gobernar dende unha perspectiva de xénero.

Por outro lado, Luísa Márquez anunciou que acaban de ter a aprobación do proxecto “Repensando o presente e construíndo o futuro para todos e todas”, no que participan escolas de África, América e Europa e está coordinado polo Instituto de Monte Porreiro. Este proxecto contará co soporte do Consello Económico e Social da ONU.

O alcalde quixo felicitar a toda a comunidade educativa porque “é un exemplo para moitos institutos e persoas de como se educan a persoas”.