Excluídas dúas empresas da oferta de reforma da rúa Javier Puig

105

Esta mañá reuniuse a Mesa de contratación para iniciar o proceso de adxudicación das obras de reforma da rúa Javier Puig, ao que se presentaran 32 empresas. Nesta primeira mesa acordouse excluír a dúas destas empresas porque non presentaron a tempo a documentación pertinente.

O proxecto de rehabilitación integral da rúa Javier Puig ten un orzamento base de licitación de 437.328,43 euros. Trátase dun procedemento aberto e con tramitación ordinaria.

As obras que se acometerán teñen como obxectivo a mellora da calidade urbana da rúa. O tratamento previsto será de bandas segregadas, cunha distinción física de materiais entre o carril de tráfico rodado que levará aglomerado asfáltico, e as beirarrúas que se farán en lousa de cemento, confinadas por bandas de pedra e separadas do carril de tráfico por un bordo de nivel semellante ao das rúas circundantes.

Os tráficos peonís estarán priorizados fronte aos tráficos rodados.

O Concello pon no seu prego de condicións que a obra terá que incluír a renovación dalgunhas instalacións e servizos existentes na rúa, xustificadas polo seu mal estado ou antigüidade. Polo tanto a empresa adxudicataria da obra asumirá a renovación da rede soterrada de abastecemento de auga, da rede de esgotos separativa e da canalización de cabos de alumeado público. Neste último caso o deterioro da instalación xúntase ao feito de que a posición das novas luminarias non coincidirá coa das preexistentes que por outra parte están ancoradas nas fachadas.

Porén non se tocarán por estar en perfecto estado a rede soterrada de gas natural, a canalización do subministro de enerxía eléctrica, a canalización telefónica nin a de fibra óptica.