Lores recibe a nen@s con diabete e toma nota das súas demandas

194

Que o pan e os doces das panaderías poñan a súa composición; que os establecementos hosteleiros teñan refrescos sen azucre, que os avituallamentos dos eventos deportivos teñan produtos que poidan comer, que os adestradores saiban atender unha crise o un posíbel coma diabético, que poidan entrar zumes ao cine e mesmo cos Reis Magos tiren na Cabalgata caramelos sen azucre. Son as peticións que trasladaron un grupo de nenos e nenas con diabete ao alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, quen tomou boa nota das demandas e comprometeuse con eles a atender aquelas que están na súa man e a entremediar naqueles casos que a solución dependa doutros.

O alcalde instará aos organizadores dos eventos deportivos que pensen nos pequenos con diabetes cando dispoñan dos avituallamentos e pedirá ao IMD que inclúa nos seus cursos de formación en primeiros auxilios os coidados e atención as persoas con diabetes.

Por outra banda o Concello de Pontevedra remitirá as asociacións de panadeiros e hosteleiros e a empresa que explota os cines na cidade unha carta coas demandas dos nenos e nenas con diabete e se porá en contacto cos paxes dos Reis para que na próxima Cabalgata pensen neles a hora de mercar os caramelos.

Miguel Fernández Lores, acompañado da concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, recibiu a unha delegación de Anedia, a Asociación e Nen@s con Diabate de Galicia (nenos, pais e nais) con motivo da próxima celebración do Día Internacional da Diabete, unha xornada de sensibilización e visualización da enfermidade na que o Concello participará dun xeito activo.

O 14 de novembro celebrarase, coa axuda do Concello e do IMD, a I Milla pola Diabate e a noite anterior iluminarase a Casa Consistorial de azul, a cor da enfermidade. O manifesto que se difundirá nesta xornada recollerán as demandas que os pequenos presentaron ao alcalde.

A Asociación de Nen@s con Diabete de Galicia naceu en Pontevedra no ano 2013 e da soporte, só no municipio, a uns 90 menores de 16 anos.

COMPARTIR