Benestar repetirá a contratación de perceptores de Risga ante os bos resultados da experiencia

93

A concelleira de Benestar Social Municipal mantivo esta mañá un encontro co boa parte dos traballadores perceptores de Risga que nos últimos sete meses traballaron para o Concello nas Brigadas Municipais (xardíns, obras e cemiterios). Hoxe remataba o seu contrato, e a concelleira quixo agradecer o seu traballo moi estimado polos funcionarios municipais. O contrato ocupou o 75% da xornada.

Carmen Fouces manifestou que a Concellaría volverá a repetir a experiencia con outros perceptores de Risga ante os bos resultados acadados nesta primeira edición, e tamén adiantou que a súa intención é tratar de mediar para que, cando menos estas 17 persoas que traballaron no Concello de Pontevedra, poidan ter un oco nas empresas do concello.

Estes contratos foron posibles grazas á subvención xestionada ante a Xunta de Galiza despois das denuncias realizadas por este Concello no retraso do cobro dos Risgas. Dende Benestar Social Municipal tensionouse ao máximo á Xunta de Galiza, a través do Parlamento, cos datos de retraso de concesión dos Risgas. Estes datos foron achegados polo Concello de Pontevedra despois de numerosas denucias públicas.

A normativa aprobada polo Partido Popular fala de dous meses como máximo para a concesión destas axudas e na actualidade a Xunta tarda arredor de oito meses de media. Esta situación avergoñou a propia conselleira -cuestión que lle honra-, e autorizou estas subvencións laborais para acalar o descontento.

Grazas aos cursos de manexo de productos fitosanitarios que impartiu a Concellaría de Benestar Social Municipal a finais do ano pasado, moitas das persoas que accederon a estes postos de traballo, o fixeron por estar en posesión do carnet de manexo destes productos. Esto significa que unha boa planificación por parte da Concellaría, e estar atenta ás necesidades do mercado laboral, é fundamental para que este colectivo acceda a un posto de traballo.