Empresarios asiáticos e Lores avaliarán posibles intercambios comerciais e culturais

85

Abrir canles de comunicación e promover relacións comerciais, turísticas e intercambios culturais son obxectivos da Asia Spain Association Cultural Exchange de Hong Kong, obxectivos que a levan a organizar un evento co alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, o mércores 25 de novembro ao que asistirán arredor de 200 persoas.

A directora xeral da asociación, Sally Lui, que coñece Pontevedra e Galicia porque viviu na cidade dous meses, subliña o “enorme interese” dos empresarios asiáticos -na asociación hai membros de Hong Kong, de China, India, Pakistán Camboia e Corea do Sur- por todo o que vén de Galicia, e España en xeral.

Sally Lui e Miguel Fernández Lores xa tiveron un contacto informal no que atoparon posibilidades de relación entre empresarios dun lado e outro interesados no export-import de viño, conservas ou mariscos. A directiva da asociación tamén apuntou o interese pola adquisición de propiedades dalgúns socios e polo fomento dos intercambios turísticos e culturais. De feito xa comeza a falar da posibilidade de que unha delegación hongkonesa visitara Pontevedra e a súa provincia ou viceversa.

O evento terá un carácter empresarial multisectorial, no que no faltarán presentación de proxectos, pero tamén un carácter de intercambio cultural, no que o alcalde falará do tipo de cidade que é Pontevedra e da súa contorna, e unha vertente máis lúdica cunha cea de confraternidade.

Asistirán empresarios e portavoces de asociacións e representantes institucionais como o cónsul das Illas Fiji, do Goberno de Yang Jian City ou do Económic, Trade & Cultural Exchange Center de Camboia.

O interese da Asia Spain Association sumáse ao interese amosado por tres cidades chinesas –Jinjiang, Changxing e Foshan- por contactar coa delegación pontevedresa o que levará aos seus representantes a manter un aparte e compartir mesa co alcalde Miguel Fernández Lores na cena e gala de la EU China Smart Mobility City Awards na que Pontevedra recibe o premio á Mobilidade Urbana Intelixente que lle concede a Fondation Prospective et Innovation.