Expertos turcos, italianos e españois aplauden o modelo de Pontevedra en Roma

120

Máis de cen alcaldes, concelleiros e técnicos italianos, turcos e españois aplaudiron hoxe en Roma o modelo urbano de Pontevedra exposto polo concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera no transcurso do congreso ‘Autonomía é saúde. A autonomía de movemento das nenas e nenos: unha necesidade para eles, un recurso para a escola e para a cidade’ organizado polo pedagogo Francesco Tonucci, impulsor do Proxecto A cidade dos nenos e nenas. A cita foi hoxe no Gonsiglio Nazionale de Ricerche.

Os representantes italianos recoñeceron o traballo feito na cidade galega e destacaron a valentía política e o traballo técnico realizados para aplicar melloras urbanísticas poñendo como referencia ás persoas e, sobre todo, aos nenos. Apuntaron, en calquera caso, que a día de hoxe, poder aplicar en Italia modelo de mobilidade que se utiliza en Pontevedra “é un soño”.

Foron moitos os participantes que se interesaron en realizar viaxes a Pontevedra para coñecer in situ a cidade e as prácticas aplicadas. Así, nos vindeiros días concretaranse as datas para recibir expedicións de concellos turcos e das proximidades de Roma.

Na quenda de preguntas foron moitas as cuestións relativas ao proceso de transformación da cidade de Pontevedra. Preguntáronse aspectos relacionados co Metrominuto e coa necesidade de aplicar dende a administración unha proposta coordinada para chegar a unha mobilidade global.

Durante a intervención, César Mosquera explicou que “recuperar a cidade para os cidadáns e os nenos é unha necesidade na sociedade actual e non unha utopía bucólica sen outro motivo que a nostalxia”, xa que en Pontevedra se demostrou que tan pronto houbo a mínima oportunidade, os veciños comezaron a ocupar os espazos públicos. “Eso demostra que os cidadáns non abandonaron voluntariamente os espazos públicos, senón que foron expulsados para poder dedicar ese espazo aos coches”, dixo.

Por outra banda, o concelleiro e vicepresidente da Deputación subliñou que é posible reconverter a cidade nun espazo de autonomía infantil cun cambio de proxecto e un bo coñecemento da mobilidade urbana.

“É preciso comenzar coa estrutura urbana e establecer as prioridades que definen a calidade urbana e subordinar o tráfico ao bo funcionamento urbano e á autonomía dos nenos e nenas, e non subordinalo aos problemas e necesidades propias do tráfico en si”.

Por último, Mosquera destacou que paga a pena dedicar a enerxía necesaria para poñer en marcha o proceso do cambio e que, ademais, este é politicamente viable. “Pontevedra é unha cidade como moitas outras no mundo que non sería coñecida no panorama internacional de non ser porque aplicou o seu modelo de mobilidade e un novo uso dos espazos públicos. Hoxe Pontevedra é recoñecida pola accesibilidade, pola seguridade viaria, pola autonomía dos nenos… É recoñecido en Europa, nos Estados Unidos, en América Latina, na ONU, en Hong Kong…”.

Jesús Fole

Na súa ponencia Mosquera estivo acompañado polo asesor provincial de Mobilidade, Jesús Fole, que fixo unha análise da situación de Pontevedra anterior a 1999, cando a prioridade dos espazos públicos era totalmente inversa á actual, na que a persoa é o primeiro, despois as bicicletas, logo o transporte público e finalmente o vehículo privado. Fole mostrou con imaxes cómo o vehículo expulsaba aos veciños das zonas comúns e aportou os datos sobre o tráfico medio que soporta agora a cidade, os datos de contaminación, así como de feridos en sinistros de tráfico.

Finalmente, o arquitecto pontevedrés presentou unha proposta virtual dunha posible remodelación da Piazzale de Aldo Moro, unha praza situada no frente do edificio no que se celebrou o congreso. Explicou que a día de hoxe o vehículo privado ocupa un 75% do espazo público e o peón só un 25%. Fronte a esto Fole redeseñou o espazo con dúas versións. Na proposta de mínimos invertíronse as porcentaxes, acadando o espazo para as persoas o 70% do total, mediante a redución a un só carril de circulación, a creación de orellas nas beirarrúas e a instalación de pasos de peóns sobreelevados. Na proposta de máximos, Fole presentou unha recreación na que o 100% do espazo era para os cidadáns, cunha gran zona verde dirixida, principalmente, aos estudantes do campus universitario que hai nas inmediacións. A proposta foi recollida por Francesco Tonucci, que indicou que a trasladaría ao gobernador de Roma entre os aplausos dos asistentes ao congreso.