Homenaxe ás mulleres represaliadas e resistentes

80

Como dixen outras veces, como diremos sempre, non se pode construir unha sociedade, non se pode erguer unha democracia digna de tal nome, sobre o silencio e o esquecemento das persoas comprometidas coa liberdade, a xustiza social e os dereitos nacionais de Galiza. As persoas que por defenderen estes valores foron perseguidas, e nalguns casos mesmo deron a súa vida –quitáronlles a vida- por ideais que hoxe celebramos, que hoxe compartimos.

No traballo xeral sobre a historia e a memoria da represión, agora ocupa un lugar central a memoria das mulleres perseguidas, silenciadas, resistentes.

As que foron asasinadas, encarceradas, rapadas, violadas, humilladas. As depuradas e sometidas a multas. As vitimas de castigos psicolóxicos. As que sufriron o trauma do terror e ficaron marcadas para sempre, con feridas, con cicatrices que non desaparecen nunca.

As que ficaron soas e cargaron sobre as súas costas a casa e a familia. E sairon adiante con coraxe, con dignidade.

Sabemos que para algunhas delas xa é tarde, que nos deixaron sen ter a oportunidade de participar nun acto coma este. Mais para a xustiza e a dignidade, nunca é tarde. Para a memoria nunca é tarde.

Contra o que pensan algúns, nós pensamos que é necesario, que é imprescindibel lembrar. Ainda que doa, é necesario facer memoria. Moi necesario, despois de tantas décadas de silencio, de bágoas e de dor.

Despois da inxustiza do esquecemento, que é como a última morte, a desaparición definitiva das persoas que tanto sufriron.

Sabemos que non podemos devolverlles a vida, que non podemos curarlles a dor, que non podemos borrar as bágoas.

Mais si debemos celebrar a súa existencia, as súas ideas, as súas loitas, os seus compromisos. Debemos lembrar a súa coraxe, a súa xenerosidade, a súa entrega.

O que estamos facendo hoxe é un aceno simbólico para que volvan con nós. Para que retornen desde o silencio e o esquecemento e se sitúen no primeiro plano, no lugar principal que merecen.

Para que volvan coa súa dignidade e coa súa luz nestes tempos en que son tan necesarias as ideas polas que loitaron, os valores que defenderon.

Queda ainda moito camiño que andar na restauración da memoria das silenciadas, de todas as vítimas. Quedan ainda moitas resistencias que vencer, moitos prexuízos.

Mais nada nin ninguén nos vai deter neste camiño encetado. Queda ainda moitas vidas que lembrar, moitos nomes que recuperar, moitos imaxes que rescatar. Farémolo con máis intensidade se cabe a partir de agora, e na programación que ao longo do 2016 dedicaremos ás vitimas da represión e na que haberá un lugar principal de novo para as mulleres.

Queremos desta maneira devolverlles ás familias unha parte do que lles quitaron. E agradecerlles que permanecesen en pé, que gardasen con orgullo no interior das casas a memoria prohibida, os acenos resistentes, as bágoas de dor cando estaba prohibido chorar. Cando estaba prohibido honrar aos seus.

E queremos sobre todo agradecerlles que a compartan con nós. Porque estamos convencidos que máis alá da dor que supón lembrar, máis alá da emoción e o orgullo que sentimos ao recordar, recibimos unha herdanza moi valiosa. Un legado de ideas e de valores que nos van a axudar a escribir mellor a historia do noso concello, o futuro de Pontevedra e de Galiza.

Porque coa memoria acesa, coa memoria viva, coa súa luz chegaremos máis lonxe. Seremos mellores como sociedade e como país.

Moitas grazas!

Pontevedra, 27 de novembro de 2015