Cantos de arrolo para pechar a programación de outono de Apego

93

Arredor de 150 persoas, entre adultos e bebés, participarán no obradoiro Arrolos de Salitre para aprender cantos de berce tradicionais da man dos músicosDíaz e Guillerme Fernández. Este obradoiro comeza mañá, sábado día 12 na Casa Azul con dous grupos, ás 11 e ás 12.30 horas, e rematará o sábado 19 nas mesmas quendas horarias. Ao longo das dúas sesións as familias aprenderán a cantar arrolos tradicionais adaptándoos ás características de cada familia.

Xabier Díaz explicará a función que teñen os cantos de berce na crianza dos bebés. O músico e investigador foi compilando os arrolos que aprendeu nas súas xeiras de recollida de cancións tradicionais. Estes cantos de berce son unha mostra do riquísimo patrimonio que transmite a nosa lingua e recollen séculos de creación e transmisión oral de nais e pais a fillos e fillas. Os cantos de arrolo xogan un papel fundamental para a crianza do bebé xa que a música axuda a desenvolver aspectos como os sons da fala, o ritmo ou a coordinación, ademais de contribuír a establecer e afianzar os lazos afectivos entre os bebés e quen lles canta.

Os dous obradoiros Cantos de Arrolos pechan a programación de actividades para o outono que a Concellaría de Normalización Lingü.stica do Concello de Pontevedra ofrece dentro do programa Apego. As actividades teñen como fin achegarlles aos pais e ás nais ferramentas que lles axuden a enriquecer o galego que lle transmiten aos fillos e ás fillas dentro da familia.

A Concellaría de Normalización Lingü.stica puxo á disposición das familias máis de cen prazas para coñecer recursos que faciliten a comunicación en galego tanto no seo das familias como nos espazos educativos. En Pontevedra sumáronse xa ao Apego máis de 80 familias desde que se presentou o proxecto e aínda é posible participar, a través do Servizo de Normalización Lingü.stica do Concello ou do formulario en apego.gal, a páxina web do proxecto.

Apego busca implicar as familias para transmitiren o herdo da lingua aos seus fillos, para recuperar o galego como lingua de relación na familia, de descuberta do mundo e identificación coa familia e coas raíces. No desenvolvemento deste programa de normalización lingü.stica están a traballar conxuntamente doce concellos da Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo.

Os obradoiros baséanse no libro-disco de Xabier Díaz Arrolos de Salitre que compila once cantigas de berce tradicionais e novas composicións. O coruñés Xabier Díaz (Coplas para Icía (2007),aCadaCanto (2012), Adufeiras de salitre (2015)…) é cantante, compositor e investigador da música tradicional galega; tamén imparte cursos de percusión e canto tradicionais. Guillerme Fernández (Espido (2006), aCadaCanto (2012)…) naceu en Vilagarcía de Arousa. Ambos os dous músicos formaron parte de Berrogüetto e, dende 2006, conducen conxuntamente o programa musical Tres Peixes Voando, na Radio Galega.