Premios Cidade de Pontevedra de “sesgo educativo”, Calros Solla e o IES Luis Seoane

115

O Teatro Principal vestiuse de gala para acoller a entrega dos premios Cidade de Pontevedra, que nesta edición teñen “un indudábel sesgo educativo” tal como subliñou o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, quen ao fronte da Corporación municipal presidiu o acto.

Calros Solla, na categoría de persoa física, e o IES Luis Seoane de Monte Porreiro, na categoría de persoa xurídica, engrosan dende hoxe a nómina dos distinguidos cos galardóns que levan o nome da cidade. As súas candidaturas impuxiéronse ás de Evaristo Portela, no primeiro caso e ás de Festa HQR!, Club de taekwondo Mace Sport e Espazo Arroelo de coworking, no segundo e para todas elas tivo verbas de agradecemento o alcalde na súa intervención.

Miguel Fernández Lores expresou o seu “grandioso orgullo” polo premio ao IES Luis Seoane polo que ten de “recoñecemento ao labor da educación, e da educación pública en particular, como auténtico motor do equilibrio e o avance social” e polo feito de que co premio ao instituto se está a premiar “tamén un dos espazos territorias máis senlleiros de Pontevedra: Monte Porreiro”.

“A constante interacción entre as escolas e institutos e as familias, entre os profesionais e as veciñas e veciños, entre as entidades como Anpas e asociacións culturais, deportivas e veciñais… fixeron de Monte Porreiro un exemplo de convivio e calidade humana do que o conxunto de Pontevedra se sinte absolutamente orgullosa”

Por outra banda o alcalde subliñou de Calros Solla “a súa dimensión como poeta e as súas grandes dotes de divulgador” o que “unido ao amor pola natureza, fan da súa personalidade un magnífico expoñente desa Pontevedra apaixonada polas cousas máis exquisitas da vida: a poesía como expresión da sensibilidade, o verxel no que a fortuna nos permite vivir, o coñecemento do que fomos e somos, o noso idioma cheo de vida e a nosa grandísima cultura fluvial”.

“Grazas a todos vós, paga moito máis a pena vivir en Pontevedra, porque contribuídes a engrandecela e fornecela da potencia que precisa para que cada día estea máis sólida no noso corazón”, rematou o alcalde a súa intervención.

Discurso alcalde

Discurso IES Luis Seoane

Discurso Calros Solla

COMPARTIR