Comeza a remodelación da estrada da Ruibal, en Salcedo, por parte da Deputación

70

Esta semana comezaron os traballos de recuperación e remodelación da estrada da Ruibal, na parroquia de Salcedo. Trátase dunhas obras que realiza a Deputación de Pontevedra, e están enmarcadas dentro do convenio asinado entre o Concello e a Deputación para reparar os danos causados polas chuvias e o vento durante o temporal do ano 2013 nas zonas do rural pontevedrés.

O proxecto consiste na rehabilitación do firme, na mellora da seguranza viaria e na reparación das canalizacións de pluviais. A empresa Covsa é a adxudicataria do proxecto e está previsto que remate antes do verán.

En canto ás características da obra, a mellora consistirá na creación dunha rede de drenaxe tanto lonxitudinal como transversal para a vía, con máis de 250 metros lineais de tubaxes profundos baixo o firme, así como máis de 160 metros de beiravías revestidas en formigón. Así mesmo, tamén se realizarán limpezas da rede e o seu contorno para evitar os atascos que producen asolagamentos e arrastres sobre a vía.

En canto á mellora do firme, actuarase nun tramo dun quilómetro de lonxitude que presenta problemas de fendas e roturas. Ademais de facer saneos profundos da capa de rodadura nas zonas máis afectadas, aplicarase ao resto do asfalto (70%) un rego de emulsión con grava miúda que servirá de prevención para evitar futuras gretas.

Tamén se demolerán pavimentos en mal estado nos enlaces con outras estradas , onde se construirán novos sobreanchos, igual que nas zonas de curva. A nova capa de aglomerado terá seis centímetros de grosor.

Calmado do tráfico

Por outra banda, a mellora da seguranza viaria e da mobilidade peonil serán outro dos eixos da actuación. Neste sentido, está prevista a instalación de catro pasos de peóns sobreelevados (PPS) de tipo trapezoidal de 6,5 x 8 metros, así como de sinalización tanto horizontal como vertical de limitación de velocidade, que reducirá o máximo de velocidade a 30 quilómetros por hora, igual que no resto do casco urbano. Estos traballos de calmado do tráfico foran requeridos de forma insistente por parte do Consello Parroquial de Salcedo para solucionar os problemas xerados pola circulación rodada na zona.

O proxecto de actuación desta mellora foi realizado polos técnicos municipais, mentres que o financiamento corre a cargo das arcas provinciais na súa totalidade (240.000 euros).

 O convenio entre a Deputación e o Concello de Pontevedra para reparar os danos do temporal en zonas do rural inclúe tamén os proxectos de mellora da estrada entre Marcón-Campo Santo (a antiga Pedra do Lagarto) e a rehabilitación da ponte sobre o río Rons. Ambas actuacións, con orzamentos de máis de 184.000 e 130.000 euros respectivamente, continúan o seu procemento de contratación por parte da institución provincial.