Bo ritmo na execución da praza do Hospital que poderá estar rematada en marzo

74

O concelleiro de Obras, Luís Bará fixo esta mañá un seguimento das obras de construción da praza do Hospital “que vai a bo ritmo” e poderá estar rematada ao longo do mes de marzo, que son os prazos cos que traballa a Concellaría neste momento.

O concelleiro resaltou que o resultado está sendo satisfactorio tanto dende o punto de vista estético como pola súa funcionalidade. Ademais, esta obra inclúe elementos innovadores como plaquetas “anticontaminantes” –realizadas con refugallos de obra- e tamén coa plantación de arborado que fará da praza un lugar máis acolledor.

É unha obra que contempla plataforma única destinada a tráfico peonil e de servizos, e amplíase a 2.500 metros cadrados. Luís Bará destacou que a obra estase facendo de xeito compatible coa actividade comercial e tamén sanitaria, “sempre tendo en conta as molestias habituais que se causan coas obras”.

Luís Bará explicou que o departamento técnico do Concello está en fase de elaboración do proxecto para continuar a reforma da rúa ao segundo tramo da rúa Loureiro Crespo aínda que non empezaría a obra até o ano 2017, xa que durante esta anualidade redactaríase o proxecto e tamén se manterían os contactos coa veciñanza e comercio da zona.

De todos os xeitos, o Concello tamén está traballando en ampliar a praza do Hospital até a rúa Antón Fraguas –na actualidade a intervención remata na entrada das urxencias do Hospital-, “xa que non hai tráfico que non impida este tratamento”.

As negociacións co Sergas están avanzadas para retirar o muro situado á esquerda da entrada principal do Hospital, onde se atopa unha escultura de Asorey. Con esta medida daríase máis amplitude á nova praza e poríase en valor a obra. Ademais, o Concello está disposto a chegar a máis acordos co Sergas para mellorar todo o ámbito e facer da entrada do recinto hospitalario un espazo máis agradábel e de encontro veciñal.