Pontevedra convidada a expoñer o seu modelo de cidade en Salvador de Bahía

107

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores recibiu esta mañá á deputada do Estado de Salvador de Bahía, María do Carmen Fidalgo Sánchez, que se atopa de visita persoal en Galiza. O obxectivo desta visita, segundo explicou a propia deputada, é convidar ao alcalde de Pontevedra a visitar Salvador de Bahía para expoñer no parlamento do Estado o modelo de cidade.

María do Carmen Fidalgo deulle os parabéns ao alcalde “pola xestión que vén facendo en Pontevedra, porque transformou esta cidade, noutra cidade”. Explicou que “Pontevedra é unha cidade, cada vez, máis agradábel para vivir, porque as cidades de hoxe en día non son para as persoas, son para os coches”.

Explicou que en Salvador de Bahía, onde aínda existe unha desigualdade social moi forte, “queremos ver como transformar as cidades en favor da seguranza das persoas”, por iso convidou ao alcalde a ter unha relatorio no Parlamento do Estado de Bahía para “dicir o que fixo”. Lembrou que o Concello de Salvador ten un centro histórico “marabilloso”, cun gran patrimonio arquitectónico “pero non foi posíbel facer nada, nin avanzar nada como se fixo aquí”.

A deputada de Salvador de Bahía explicou que “quixen beber da fonte directamente, para coñecer o que se está a facer aquí”.