O servizo de bombeiros conta con dous novos vehículos

71

O parque móbil do servizo de extinción de incendios de Pontevedra conta con dous novos vehículos: unha autobomba urbana pesada e unha furgoneta, que xa están en uso.

Tres días despois do voraz incendio que levou por diante un edificio do casco histórico, a concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva achegouse ao parque de bombeiros para presentar as novas adquisicións que teñen como obxectivo mellorar a prestación do servizo e a seguridade dos profesionais nas súas actuacións.

A bomba urbana pesada ten como destino a extinción de incendios -ten unha capacidade de 3.000 litros- pero tamén leva incorporado equipamento de salvamento. Substitúe a outra con trece anos de antigüidade que quedará na reserva. O xefe de bombeiros, Manuel Torres, explicou que este tipo de vehículos son os que saen no 99,9% das ocasións e co novo camión mellórase a seguridade dos profesionais no traballo polo tipo de material da carrozado, un polímero de última xeración cunha mellor resistencia ás altas temperaturas e os impactos e tamén polas prestacións. As súas dimensións fan del o idóneo para intervir en sinistros na cidade.

O servizo conta con dúas bombas urbanas operativas e unha terceira en condicións excelentes de uso. O custo do novo camión é de 398.000 euros e inclúe todo o equipamento.

O segundo vehículo incorporado ao parque de bombeiros é unha furgoneta destinada ao transporte de efectivos ou de material auxiliar de emerxencia