Parque Amalia Álvarez, memoria e dignidade

49

Acto de recoñecemento, acto de reparación, acto de xustiza. Foron as frases máis escoitadas no, pese a choiva, concorrido acto de inauguración do parque Amalia Álvarez, un novo espazo público -“de máxima dignidade”- de arredor de 3.000 metros cadrados ao carón da rúa Filgueira Valverde. Unha placa co seu nome e magnolias -onte plantouse unha- a árbore preferida de Amalia recuperan para a memoria colectiva a unha muller que viviu o asasinato do seu home, Alexandre Bóveda, sacou adiante a cinco fillos, resistiu fronte a represión franquista e deu unha lección de coraxe e dignidade, gardando a memoria dos seus, a memoria de todos e axudando a tecer as vimbias dunha sociedade máis xusta, dun mundo mellor.

Até o novo espazo público de lecer achegáronse familiares de Amalia como a súa filla pequena, a que leva o seu nome, ou os seus netos, o alcalde Miguel Fernández Lores e membros da Corporación municipal, representantes da Fundación Alexandre Bóveda e amigos e amigas da familia que con eles viviron e sufriron a posguerra dos perdedores e tamén pontevedreses e pontevedresas de todas as idades que sábense en débeda con mulleres como Amalia Álvarez cuxos testemuños permiten reconstruír a memoria e valorar o presente.

O mal tempo obrigou a trasladar a homenaxe a Amalia Álvarez -nacida un 10 de febreiro de hai 110 anos- ao Centro Social do Gorgullón onde a música e a poesía, a lectura da carta de despedida escrita por Alexandre Bóveda a súa “vidiña”, a Amalia Álvarez, encheron de sentimento o acto. Pero foron as palabras da filla máis pequena a que leva o seu nome, Amalia Bóveda Álvarez, as máis emotivas: “Grazas nai, grazas pai por ensinarnos a sumar e grazas a todos por participar nesta suma”.

Biografía AMALIA