Teucro e Castelao cren “positivo e ambicioso” o novo sistema de recollida e tratamento do lixo

56

Os concelleiros Carme da Silva, César Mosquera e Alberto Oubiña participaron esta mañá nunha reunión coas federacións de veciños Castelao e Teucro para presentarlles o novo sistema de recollida e tratamento de residuos polo que apostou o Concello de Pontevedra. Pola Federación Teucro asistiu Miguel Vilacoba e por Castelao, Juan Loureiro.

Miguel Vilacoba asegurou que a proposta “parece interesante, ambiciosa” pero tamén indicou que “require que os veciños se conciencien e colaboren”. Tamén manifestou que este sistema “parece bo para todos porque pode abaratar o prezo e tamén favorecer ás hortas que poderán ter un abono de calidade e, incluso, fomentar a agricultura ecolóxica no rural”.

“Véxoo moi positivo, pero o fundamental é concienciar á xente”, concluíu Vilacoba.

Juan Loureiro, presidente de Castelao, tamén se referiu ao proxecto que quere pór en marcha o Concello como “un proxecto ambicioso, innovador en Galicia, que precisa da implicación dos veciños de Pontevedra”.

Tamén manifesto que “é preciso estender estas reunións a todas as asociacións de veciños. Incluso nos falaron na reunión de poder facer unha campaña informativa porta a porta”.

Carme da Silva, concelleira de Servizos, lembrou que a implicación dos veciños e a corresponsabilidade das asociacións é fundamental para pór en marcha un proceso deste tipo.