Discurso da Semana Galega da Filosofía 2016

32

Querida presidenta da Aula Castelao de Filosofía

Representantes de A Banca, da Deputación…

Queridos participantes na Semana

Amigas e amigos,

Benchegados de novo a Pontevedra para tomáredes parte neste trixésimo segundo encontro do mundo da filosofía galega, ao que desexo un proveitoso e agradábel decurso.

A cidade, como vos digo cada ano, abre as súas mellores portas a quen chega dedicado á reflexión, ao debate, aos necesarios matices e precisións que esixe a complexidade das cousas, especialmente nas horas de frivolidade e urxencias que atravesamos.

Ademáis, este ano vides falar de política. Da política en teoría, en abstracto, en xenérico. Pero tamén, polo que vexo no voso programa, da política concreta, dos asuntos que forman parte do debate público.

Ou o que é o mesmo, vides falar directa ou indirectamente da vida da xente, das empresas, das institucións, dos países, de cómo se exerce o poder, de quen o ten e quen non, da participación, da historia, da democracia, do rumbo que leva o planeta, das ideas, das ideoloxías.

Cada unha das sesións desta semana constituirá por si mesma unha interesante mirada crítica sobre algún aspecto deste universo de conceptos e magnitudes ao que chamamos política.

Se me permitides, gustaríame realizar ante vós unha pequena referencia a duas dimensións que moi frecuentemente me veñen á cabeza.

A primeira, a banalización mediática á que estamos sometidas as persoas que exercemos responsabilidades políticas.

O poder, a través da súa enorme estrutura mediática, pon constantemente na picota á actividade política, simbolizada nas persoas que participamos nos procesos representativos.

É certo que algunhas persoas utilizan esta actividade para fins particulares ou egoístas, pero tamén son moitas as que se achegan para exercer e decidir sobre os asuntos públicos segundo a súa ideoloxía liberal, socialista, nacionalista, centralista… ideas ou maneiras que definen xeitos distintos de abordar o futuro.

Denostar a política e aos políticos en xeral é unha sorte de fascismo, de concepción predemocrática do poder.

Consiste en desmerecer á organización pública, ao goberno de todos.

En poñer en cuestión a capacidade de autoorganización social, que é ao que chamamos política.

Pero contraposta ao ámbito público existe a estrutura privada.

As grandes empresas, as bolsas, os mercados.

Frecuentemente, a culpa dos desaxustes sociais sempre a ten o goberno, o estado, o sector público… nunca os grandes emporios económicos ou a ideoloxía liberal ou neoliberal que determina o noso sistema.

A política cumpre así un papel secundario, ao que van parar todas as queixas, mentres que o poder real queda impoluto,  xa que a súa misión só é acumular riqueza e capital, non responsabilizarse sobre o estado do mundo.

Eu son dos que aínda creemos que por riba de calquera explotación económica, de calquera interés privado, debe estar o público, o político, organizando a economía en beneficio das persoas.

Deben ser o conxunto dos povos, expresándose a través da política, os que definan as regras de xogo, os que tomen as decisións, con independencia de lobbies, de exércitos ou de grupos de presión.

Chámenme iluso, pero estou convencido de que a invasión de Irak, Libia, e agora Siria, foi ou está sendo unha invasión de empresas privadas, non de uns povos sobre outros nen sequera dunhas confesións relixiosas sobre outras.

Outro asunto do que me gustaría falarlles aproveitando este foro é o que se dou en chamar “Nova política”, despois de que este sistema cruel e corrupto colmase a paciencia de moitos cidadáns que con toda a razón se botaron á rúa pedindo dignidade.

A min sempre me resultou chocante ese simpático xeito de simplificar a batalla. Porque resulta que nós, que levamos 16 anos dándolle a volta a esta cidade con resultados claramente evidentes en cada un dos aspectos que se queiran observar, pois resulta que para moitos eramos vella política.

Con política, coa nova e coa vella, pero sobre todo practicada con ideas e sentidiño, imos conseguindo resultados en materia de separación dos asuntos relixiosos e civís, eliminación de gastos suntuarios, optimización dos recursos públicos, defensa contra os lobbies, xestión do medio e ecoloxía urbana, memoria histórica, igualdade de xénero, diversidade sexual, transformación urbana, integración e cohesión social ou mantendo a necesaria tensión cos altos poderes económicos do Estado que manexaron para deixar 60 anos máis esa apestosa fábrica na nosa ría.

Hoxe, ademáis, embarcámonos nunha revolucionaria maneira de abordar un dos grandes retos do noso tempo: a xestión do lixo, para devolverlle á terra a materia orgánica que collimos prestada.

Queremos unha cidade mellor, un país mellor nun planeta mellor.

E facémolo grazas á política, ao marxe de tendencias de consumo e de intereses económicos privados, misturando un estudiado e consciente pragmatismo coas ideas máis avanzadas do planeta.

Tal como fixemos a reforma urbana, apoiados no coñecemento, o rigor e a convicción de que entre todos podemos lograr un mundo que pague máis a pena, alternativo ao que nos ofrecen os designios do poder.

Amigas, amigos, fálalles unha persoa que aínda ten fé na nosa capacidade de autoorganizarnos para ser cada vez mellores. Para loitar xuntos a prol de mellorar a nosa axenda futura.

Grazas a todas e todos por vir, por deixarme inaugurar esta Semana, unha das citas máis importantes do noso ciclo cultural anual.

Feliz Semana Galega de Filosofía.