Un mes da sede electrónica municipal con máis de 6.000 visitas

55

Mañá cúmprese un mes da posta en marcha da sede electrónica municipal sede.pontevedral.gal cun balance de 6.265 sesións rexistradas de 3.420 usuarios únicos. A pesar de levar pouco tempo en marcha, a sede xa se amosou como unha boa ferramenta para os administrados que poden seguir os seus expedientes, presentar solicitudes ante o Concello, suxestións, o calquera outro tipo de petición relativa ao Concello dende un ordenador e no momento que queiran, sen ter que depender dos horarios das dependencias municipais.

As páxinas máis visitadas neste mes foron:

    • Emprego público: 3.352 sesións
    • Procesos selectivos (emprego público): 2.640 sesións
    • Perfil do contratante: 2.110 sesións
    • Taboleiro: 1.227 sesións
    • Oferta de emprego público: 1.183 sesións

A grande maioría das entradas foron dende a páxina municipal pontevedra.gal con 5.446 sesións distintas (2.929 usuarios); e 503 entradas foron directamente na sede electrónica sede.pontevedra.gal (258 usuarios).

Na área privada da sede electrónica do Concello contabilizáronse 510 visitas distintas e presentáronse 26 solicitudes de diversa índole, dende órdenes bancarias (de anulación e domiciliación), solicitudes xerais, solicitudes de copias de licenzas, altas de uso de contrasinal para a sede, solicitudes de certificados ou peticións como arranxos de sumidoiros na avenida de Vigo, poda de árbores na rúa Portugal ou instalación de lombos.

A maior parte das solicitudes (18) presentadas foron fora do horario de Rexistro Municipal que está aberto nas instalacións de Michelena, 30 de 09.00 a 14.00 horas.

Dende o Concello quérese recordar que todas as persoas interesadas en facer algunha xestión co Concello de Pontevedra pode facela a través desta ferramenta dixital solicitando o seu contrasinal privado no Rexistro Municipal do Concello (planta baixa de Michelena, 30) ou co DNI electrónico ou un certificado dixital.