O Concello aposta polo traslado 
da Policía Nacional ao Cuartel 
da Garda Civil en Casimiro Gómez

63

O concelleiro de Medio Ambiente Urbano, Luís Bará, mantén esta tarde unha reunión coa nova Asociación de Veciños da Eiriña para abordar distintos asuntos de interese do barrio. A situación do vello Cuartel da Garda Civil, a ampliación da praza do Hospital até Doce de novembro ou un local para reunións, son algúns dos temas que tratarán.

Segundo explicou esta mañá o concelleiro, informaralles que a intención do Concello é levar a peonalización cara a rotonda de Doce de novembro e José Malvar o ano que vén. Tamén lles informará das melloras que o Concello xa está a realizar na travesía da Eiriña como a poda das árbores e outras pequenas obras que solicitou a asociación.

Outro dos temas que abordarán é a solicitude ante a Xunta de Galicia para ocupar un local como espazo de reunións no antigo edificio da Xunta en Benito Corbal.

Tal vez o tema que máis lle preocupa á asociación é o estado de abandono, insalubridade e ocupación que ten o vello edificio do Cuartel da Garda Civil, unha situación de moita preocupación veciñal.

A asociación informoulle ao Concello que iniciarán unha campaña de denuncia para que o Estado tome medidas e adecente o edificio, e o Concello tamén realizará as pertinentes accións para instar ao Estado a evitar o actual situación de abandono do edificio.

O concelleiro do ámbito urbano aproveitou para explicar que o Concello aposta por unha alternativa mellor que a que xestiona a Gerencia de Infraestruturas y equipamentos de la seguridad Estado, que é a recalificación do vello edificio da Garda Civil. Dende o Concello apóstase polo traslado da Policía Nacional a estas dependencias xa que está mellor situado para o tipo de necesidades deste corpo e dispón de máis terreo, importante para atallar os problemas de espazo de estacionamento da Policía.

Urbanisticamente tamén resultaría máis doado, xa que non sería preciso unha recalificación. O edificio da Policía Nacional xa está considerado como residencial no Plan Xeral, polo que o Estado só tería que vender o edificio e coas ganancias custear a reforma do edificio da Garda Civil.

Cruz Gallástegui e Castelao

O concelleiro aproveitou para informar de que onte se reuniu cos representantes dos comerciantes das rúas Castelao e Cruz Gallástegui -os promotores da solicitude de peonalización presentada no Concello hai tres anos- para informarlles do calendario de reunións e de reformas que o Concello está en disposición de iniciar nesta zona da cidade para crear espazos peonís nestas rúas, e tamén en Daniel de la Sota.

Luís Bará manterá reunións sectoriais con veciños, taxistas, o Hospital Domínguez, o colexio Álvarez Limeses para informarlles do calendario de obras e tamén dos novos cambios de mobilidade que vivirá a zona antes do verán.