Alcalde e Valedora, colaboración en prol dos cidadáns

10

Comunicación fluída e vontade de colaboración entre as dúas institucións. Foi á mensaxe compartida e trasladada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores e a Valedora do Pobo, Milagros Otero Parga, quen fixo hoxe unha visita institucional ao Concello. É a primeira vez dende que Lores é alcaide que un Valedor se achega ata o Concello, un feito moi ben valorado polo alcalde que ve no xesto un “cambio substancial” na institución a prol do achegamento ás administracións e unha aposta pola mediación.

Milagros Otero agradeceu “a sincera vontade de colaboración” ofrecida polo alcalde de Pontevedra e subliñou que traballa con dous obxectivos: a procura da xustiza e a defensa dos dereitos das persoas.

A Valedora do Pobo indicou que a institución ten abertas 20 queixas que afectan a Pontevedra – entre outras, sobre a liña de autobuses Bueu-Marín-Pontevedra-Vigo; os crematorios, ou un mellor aproveitamento das instalacións de Príncipe Felipe-. Hainas persoais e colectivas porén ningunha delas atinxe directamente ao Concello.

Milagros Otero Parga após do seu encontro co alcalde e de asinar no libro de honra do Concello, mantivo unha reunión cos portavoces dos grupos municipais e xa pola tarde, unha xuntanza aberta á veciñanza na Casa das Campás.

.Sinatura_Valedora I