Avances nos acordos entre o Concello e a Xunta para ampliar Montecelo

45

A tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, Carme da Silva explicou esta mañá que o alcalde, ela mesma e o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera mantiveron onte unha nova reunión co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña e os técnicos do Sergas, para seguir afondando no convenio de ampliación do Hospital Montecelo.

Explicou que se traballa nun borrador de convenio no que deberá quedar claro que a xestión do futuro Montecelo será totalmente pública. Ademais, tamén se aclarou a figura urbanística pola que se procederá a ampliar a actual sede sanitaria: será a través dun proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, o que implicará que quedará exento de licencia e pago de ICIO. Esta figura urbanística é a máis axil para pór en marcha un proxecto desta envergadura.

Neste convenio o Concello comprométese a achegar 4 millóns de euros para pago de terreos e urbanización.

“Temos a vontade de colaborar para que o proxecto de Montecelo sexa unha realidade o antes posible, xa que é o proxecto que se defendeu dende o Concello e dende toda a sociedade de Pontevedra”, explicaba Carme da Silva quen concluíu que “é un prioridade para o Goberno Local”.