Discurso do Día da Policía

27

Sra. concelleira Delegada de Protección Cidadá e Primeira Tenente de Alcalde,

Sras. e Sres. Portavoces e concelleiros,

Membros de corpos e forzas de seguridade,

Queridas amigas e amigos,

Celebrar este día da Policía Local é sobre todo celebrar que vivimos en harmonía e cada vez máis seguros, e eso ocorre fundamentalmente grazas ao voso traballo.

Xunto ao do resto dos corpos policiais e a implicación das institucións, permítenos habitar un lugar envidiábel en materia de harmonía social e seguridade pública.

Mais cando nos mostramos satisfeitos polo nivel de seguridade, non estou menosprezando os problemas que realmente existen, derivados dun sistema cruel e corrupto que tanta xente deixa na cuneta económica e tantos mozos envía á emigración.

Moitas son as familias que se ven privadas do seu proxecto de vida grazas a unhas políticas que provocan cada vez máis desigualdade, que destrozan centos de empresas, deslocalizan outras e desertizan económicamente o noso país mentres permiten a libre importación de produtos que sempre produxemos como peixe, carne, leite, roupa ou a nosa propia estrutura comercial, cada vez máis en mans alleas.

Lamentábelmente, os corpos de policía non podedes facer nada por mitigar o duro panorama que se agocha tras moitas víctimas destas situacións, mais sí intervides en primeira persoa ante moitas situacións difíciles. E gracias a eso, as consecuencias son máis leves.

Gratitude e orgullo son as palabras que temos que entonar cando valoramos o voso duro traballo, grazas unha enorme implicación profesional e á vosa vocación de servizo público de primeira necesidade.

Permitídeme agradecer especialmente a súa implicación a todos e cada un dos membros da Policía Local de Pontevedra, un corpo sólido, ben dotado e altamente considerado pola cidadanía como servidores públicos e unha parte fundamental dos servizos de excelencia da cidade, que elevan a calidade urbana e fomentan a calidade humana.

Porque se algo ten a Policía Local de Pontevedra é sobre todo unha enrome intelixencia colectiva e un decidido compromiso coa cidade.

A transformación que estamos facendo neste século XXI nótase ben nas rúas e prazas, no río, no contorno natural da capital, na animación urbana, nas persoas que camiñan e convirten Pontevedra nun auténtico foro de vida e relacións.

Pero tamén se nota nos aspectos máis intanxibles das cousas. Na educación, nos costumes, no compromiso público da xente, e nos altos valores de libertade e servizo público que institucións como o Concello e a Policía adoptan e difunden como marcos dunha convivencia máis harmónica e feliz.

Mostra destes aspectos tan positivos e honrosos, son as medallas, felicitacións e mencións e que vimos de entregar a funcionarios e cidadáns, e que conforman un ronsel de comportamentos admirábeis, que aprofundan, máis aínda se caben, ese orgullo que sentimos polo traballo policial intelixente e polos numerosos marcos e exemplos de colaboración cidadá establecidos.

Moitas felicidades a todas e todos, e moitas grazas