Máis de 2,1 millóns para os saneamentos do Gafos e de Mourente

31

Os servizos xurídicos e económicos do Concello de Pontevedra e da Deputación provincial están a estudar o convenio de colaboración que asinarán as dúas institucións para acometer melloras na rede de saneamento local: a rede do Gafos (a parte rural, dende Vilaboa a estación de autobuses) e tamén á cuarta fase da rede de Mourente.

O portavoz do Goberno e responsábel do Ciclo da Auga, Raimundo González explicou esta mañá que o importe total destas dúas inversións é de 2.114.157 euros, que serán asumidos ao 50% entre o Concello e a Deputación.

A elaboración de ambos proxectos corre a conta do Concello, e calquera incremento (ou redución) do custe da obra tamén a asumirá o Concello.

O proxecto de Mourente atópase en licitación; e o proxecto do Gafos poderá iniciar o proceso de licitación en dúas semanas, paralelo á sinatura do convenio. Polo que ambos proxectos deberían estar en obra neste mesmo ano.

O Concello retoma o proxecto do Gafos que foi presentado a Augas de Galicia, que renunciou á executar este proxecto sen dar máis explicacións. De feito, Raimundo González anunciou hoxe que reclamarán á Xunta de Galicia estes fondos (máis dun millón de euros) para que se acabe cumprindo o convenio asinado con Augas de Galicia.

O proxecto inclúe a mellora da rede de saneamento dende Vilaboa até a estación de autobuses. E nas melloras do proxecto está previsto incluír parte do tramo urbano: dende a estación de autobuses até o tramo cuberto de Alcalde Hevia.

Raimundo González indicou que non se pode incluír toda a parte urbana porque se sae do orzamento do proxecto, pero o Concello ten intención de continuar o proxecto no seu tramo urbano: dende a parte cuberta en Campolongo até a desembocadura do Gafos en San Roque.