Alcaldes e técnicos de Corea do Sur admiran en vivo o noso modelo urbano

233

Alcaldes, cargos políticos e técnicos municipais de Corea do Sur -48 persoas en total- coñeceron hoxe en vivo o modelo urbano de Pontevedra, despois dunha sesión informativa e de traballo na Casa da Luz onde o director xeral de Urbanismo e o Intendente Principal da Policía Local expuxeron a transformación da cidade e os pasos dados para reducir dun xeito determinante a presenza de coches nas rúas e recuperar os espazos públicos para as persoas. A xuntanza sumouse o alcalde Miguel Fernández Lores quen ao remate fixo de guía pola cidade.

A delegación coreana contactou co Concello despois de coñecer o caso Pontevedra na televisión do seu país. Quixeron aproveitar que ían a vir a Vizela (Portugal) para asistir a Asemblea Xeral do Cittaslow International. “O ave voa, os animais andan e os humanos teñen que camiñar, é noso instinto natural” subliñou Seungsu Kim, alcalde de Jeanju quen lembra que Corea del Sur é “un país de coches” polo que para el Pontevedra é un referente e o alcalde Miguel Fernández Lores “un símbolo” da humanización das cidades. “Aprendemos moito nesta visita, o resultado do esforzo do alcalde e da humanización de Pontevedra é espectacular, marabilloso” engadiu o representante de Jeanju.

Pola súa banda o coordinador do National Cittaslow Corea Network e profesor da Universidade de Seúl, Bon Shon, fixo a seguinte reflexión: “O heroe do século XXI loita no por gañar a guerra se non por salvar á xente dos tráficos. Neste sendo o alcalde de Pontevedra e un verdadeiro heroe”

Fernández Lores agradeceu o recoñecemento do modelo urbano feito pola delegación de alcaldes, cargos e técnicos de Corea do Sur e sinalou que Pontevedra encaixa perfectamente no movemento das Cittaslow “as cidades que van a modo, as cidades pola calidade de vida”.

A Cittaslow International é un movemento mundial que defende a necesidade de ter un ritmo de vida tranquilo e cidades pensadas para garantir a calidade de vida das persoas. Un movemento que medra día a día e que está presente en 30 países, cun total de 213 cidades adscritas.