Os olímpicos de Pontevedra xa pensan en Río

30

Juan Saaveda, Teresa Portela e Frank Casañas parten proximamente a Brasil para participar nos Xogos Olímpicos de Río, pero esta mañá fixeron unha parada no Concello de Pontevedra que lles ofreceu un patrocinio de 6.000 euros como imaxe da cidade na principal competición deportiva do mundo.

Estiveron co alcalde e a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro que lles desexaron moita sorte na próxima competición. O atleta Frank Casañas partirá o vindeiro 29 de xullo para iniciar a competición co obxectivo de meterse na final. A piragüista Teresa Portela partirá a primeiros de agosto para tratar de meterse na final, e tamén, tratar de traer unha medalla á cidade “aínda que está moi difícil porque ás participantes só nos separan décimas”. E o tirador Juan Saavedra, que partirá cara Río o 31 de agosto, recoñeceu que ten posibilidades reais de obter, cando menos, dúas medallas aínda que participará en tres modalidades distintas de tiro.

A esta lista o alcalde quixo engadir os nomes de Javier Gómez Noya e Beatriz Gómez Cortés que non poden acudir á competición por sendas lesións. Tamén lle desexou moita sorte a Támara Echegoyen á quen resultou difícil localizar nestes días previos á competición e a Jean Marie Okutu, que mantén unha espléndida relación coa cidade de Pontevedra, pero o seu vínculo institucional está máis ligado ao Concello de Marín, no que reside. O alcalde deixou a porta aberta a estes dous últimos competidores para asinar sendos patrocinios cando se dea a ocasión.