Memoria e xustiza, homenaxe a Isolina Villaverde e Aurelio Torres

114

O Concello de Pontevedra e a familia de Aurelio Torres -O Pacheco- canteiro de Mourente, asasinado hai 80 anos, e de Isolina Villaverde, a súa viúva e símbolo da memoria resistente, organizan un acto de lembranza que terá lugar o martes 23 de agosto ás 20.30 horas no cemiterio de Mourente.  Xosé Álvarez Castro, historiador e escritor, autor de Pontevedra nos anos do medo; Montse Fajardo, xornalista e escritora, autora de Un cesto de mazás e da biografía de Isolina Villaverde Cendón (A memoria das mulleres), Pilar Lores, neta de Aurelio e Isolina e Luís Bará, concelleiro de patrimonio histórico do concello de Pontevedra tomarán a palabra nun acto que rematará coa actuación musical do Dúo Fírvida (violín e acordeón).

O 23 de agosto de 1936 os fascistas asasinaron a Aurelio Torres Lorenzo, canteiro sindicalista de Mourente, e deixaron o seu cadáver mutilado exposto na curva de Bora, como aviso para quen aínda pensase en non calar. A súa viúva, Isolina Villaverde Cendón, acatou o silencio e descargou a mágoa no traballo da leira, logrando que as tres criaturas orfas xamais pasaran fame, mais nunca esqueceu, e moitas tardes podía verse o seu legón apoiado na porta do camposanto, ao que acudía falar co amor perdido, enterrado nunha tumba sen nome. Aínda que Aurelio era anticlerical, ela non, e cando o asasinaron quixo facerlle un funeral pero o cura impediu a entrada do seu ataúde na igrexa. Naquel mesmo momento, Isolina prometeu que nunca a volvería pisar.

Unha homenaxe a Isolina Villaverde Cendón é unha homenaxe a todas as mulleres anónimas obrigadas a seguir adiante soas o camiño que a barbarie tinguira de sangue, sinala concelleiro de Patrimonio Cultural, Luís Bará. Unha homenaxe a todas as mulleres que mantiveron a memoria resistente na convivencia diaria co represor, ruín e veciño. Lembrar a Aurelio é romper o manto de silencio que aínda permanece sobre as tumbas sen nome das persoas que deron a vida por ideais de liberdade, xustiza social e democracia que hoxe celebramos.

“A nosa é unha historia de silencio, non de desmemoria” subliña a neta de Isolina e Aurelio, María Lores quen lembra que na casa non se falaba do ocurrido porque “a dor era moítisima” pero elo non supuxo o esquecemento. As flores que Isolina, fillos e netas levaban ao cemiterio de Mourente -inda cando no tiña lápida- amosaron onte, amosan hoxe e amosarán sempre que a Memoria está viva.

A Memoria “é unha obriga ética, un deber político e ten que ver coa defensa dos Dereitos Humanos” mantén o concelleiro Luís Bará. Fala de o dereito á verdade, o dereito á xustiza, o dereito á reparación.

Triptico_Isolina_1