Seis concellos do Lazio con Tonucci ao fronte veñen a coñecer o modelo Pontevedra

127

Temos con nós na cidade ao psicopedagogo Francesco Tonucci ao fronte dunha delegación de alcaldes e representantes municipais de concellos da rexión de Lazio (Italia) co fin de coñecer “in situ” a experiencia dos camiños escolares e o modelo urbano de Pontevedra admirado internacionalmente.

Sesións técnicas, unha visita ao camiños escolares de Monte Porreiro como “exemplo de interacción educativa e social e de aposta pola autonomía dos nenos e nenas”; outra a remodelada praza de Barcelos que se pretende converter en patio de recreo do CEIP Barcelos como “exemplo de recuperación de espazos para as persoas”, unha visita guiada polo casco urbano e outra ao núcleo de centralidade de Salcedo, “exemplo do avance do modelo Pontevedra cara o rural” serán as paradas dunha intensa axenda de traballo que se desenvolverá os días 21 e 22 (mércores e xoves).

Xunto con Francesco Tonucci estarán resresentantes de seis concellos da rexión italiana de Lazio: de Formia, Priverno, Rieti, Subiaco, Vasanello e Fano, ademais de responsábeis, ao igual que Tonucci, do Laboratorio Cidade dos Nenos e Nenas e da Secretaría de Medio Ambiente da Rexión de Lazio. Queren tomat nota das estratexias, actuacións e resultados dun proceso de transformación que situa a Pontevedra na vangarda da calidade urbana e que a define como a cidade “que coida das persoas”.