Faladoiros, roteiros, documentais e memoria nas xornadas Salcedo no tempo 2016

94

    • A parroquia acolle a partir de mañá actividades de patrimonio, tradición e memoria histórica.

A parroquia de Salcedo acolle dende mañá actividades dentro do programa Salcedo no tempo 2016. Trátase dun programa variado, que inclúe roteiros, mesas redondas, documentais e unha homenaxe ás mulleres que foron represaliadas en Salcedo logo do alzamento militar do 36.

As actividades comezan mañá martes, cun encontro da memoria que estará dirixido por Montse Fajardo. Será un faladoiro sobre mulleres represaliadas, resistentes e solidarias de Salcedo no que se anima a participar a todas as familias e no que se agarda que as persoas maiores da parroquia compartan cos asistentes os seus recordos, impresións e sentires sobre a represión que se viviu. Todas achegas serán benvidas no programa ‘A Memoria das Mulleres’. A conversa será ás 19.00 horas na Casa Verde. O venres haberá un roteiro nocturno polos petroglifos da parroquia guiado por Xosé Lois Vilar. Ás 19.00 horas haberá unha conferencia introdutoria e ás 20.00 horas comezará o roteiro.

O venres 9, ás 19.00 horas, varios expertos falarán nunha mesa redonda sobre o patrimonio cultural da parroquia de Salcedo. O director da escavación do Castro das Croas, Eduardo Méndez; a investigadora do Grupo de Estudos para a Prehistoria do NW Ibérico-Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, María Martín; a restauradora de Tomos de Conservación, Rosa Benavides; e o antropólogo social e cultural, Rafael Quintía, conversarán sobre patrimonio material e inmaterial e sobre os achados atopados en Salcedo. O sábado levarase a cabo o Roteiro das Mouras, que será guiado por Rafael Quintía. A saída será ás 10.30 horas dende a Casa Verde.

O xoves 15, ás 20.00 horas proxectarase o documental ‘Terra das Marabillas’ sobre a tradición máxica e mitolóxica de Salcedo, un traballo realizado por Ana Lois.

As actividades pecharanse o 17 de decembro, cunha homenaxe ás mulleres represaliadas, resistentes e solidarias de Salcedo. Ás 11.00 horas colocase unha placa na Ruibal, ás 11.45 horas terá lugar o acto de memoria no cemiterio e rematase co acto de homenaxe na Casa Verde.

programa-salcedo