Novo espazo infantil no mercado, O ganapán

440

O mercado de abastos contará cun novo espazo infantil, O Ganapán, que se porá en funcionamento a partir do próximo xoves 22 de decembro, segundo presentou hoxe a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías.

Coa vontade de facilitar a conciliación familiar dos traballadores e traballadoras da praza e fomentar a asistencia do público familiar ao Mercado, O ganapán ofrecerá actividades lúdicas e didácticas: obradoiros artísticos, gastronómicos, medioambientais, musicais, literarios… que terán os oficios do mar e da terra como eixo central.

Así, farase un horto ecolóxico, poderase coñecer ás redeiras, bateeiros, mariñeiros, traballadores e traballadoras do mar e da terra. Falarase con pintoras, fotógrafas e outras artistas que teñen o mar como fonte de inspiración. Tamén haberá obradoiros para facer pan, sobremesas de nadal, petiscos mariños e propostas plásticas cos obxectos que, día a día, nos acompañan no mercado

Con esta iniciativa que promove a Consellería de Promoción da Cidade ademais do lecer, procúrase un achegamento das familias ao tecido produtivo da terra e do mar, ao comercio de proximidade, á produción ecolóxica e á cultura natural que habita os mercados tradicionais coma o da nosa cidade.

O GANAPÁN NO NADAL

Durante as vacacións escolares de Nadal, O Ganapán estará aberto de 9,30 a 14,30 horas, todos os días de apertura do mercado.

O espazo infantil-ludoteca conta cun total de 25 prazas para nenos e nenas de entre tres e oito anos e funcionará, diariamente, con quendas de dúas horas:

De 10,00 a 12,00 o primeiro turno De 12,00 a 14,00 horas o segundo

O aforo encherase previa inscrición, por orde de recepción das solicitudes ao email: oganapan@omercado.gal a partir do vindeiro luns 19 de decembro as 9,00 horas da mañá.

Haberá un cupo de prazas reservadas para os fillos e fillas das persoas que traballan no Mercado, que poderán optar a un horario ampliado de actividades de 9,30 a 14,30 horas.

A partir do mes de xaneiro, O Ganapán funcionará todos os venres, para actividades con centros de ensino e asociacións, e os sábados para o público xeral.

Para poñervos ao día de todas as actvividades, O Ganapán conta cunha web: oganapan.omercado.gal e con redes: www.facebook.com/oganapandomercado
@oganapandomercado