O Concello estudará as novas alternativas da variante de Alba que se licitará en 2017

59

    • O alcalde e a conselleira de Infraestruturas mantiveron esta tarde un encontro para acercar posturas sobre o proxecto.
    • O Concello estudará nos vindeiros quince días as alternativas para a construción dunha vía de 700 a 1.000 metros, con dous carrís (un en cada sentido), que salva as zonas urbanas, e suporá unha alternativa á perigosa PO-225 en San Caetano.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores amosouse esta tarde “encantado” de chegar a acordos coa Xunta de Galicia polo ben de Pontevedra, neste caso, pola Variante de Alba. O alcalde participou nunha reunión coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez e os técnicos da Consellería para coñecer as propostas que a Xunta ten para ofrecer unha conexión alternativa á PO-225 entre as estradas de Vilagarcía e Santiago.

A Xunta elaborou varias propostas que o Concello analizará nos vindeiros días, pero xa se coñece que se trataría -nunha primeira fase- dunha estrada de dous carrís (un en cada sentido de circulación) de entre 700 e 1.000 metros, coa entrada na rotonda de San Caetano, na estrada de Vilagarcía, e a saída na estrada de Santiago, á altura de Pidre, sen afectar a vivendas. A vía do tren salvaríase cun paso soterrado e construiríase un viaducto sobre o Rons.

Aínda que o orzamento estaría por pechar definitivamente, a intervención podería achegarse aos 5 millóns de euros.

Nos vindeiros días a Xunta remitirá ao Concello as propostas para estudalas e informar a máis convinte. O alcalde xa adiantou que moi probablemente coincida coa que xa aposta a Xunta. Esta entrega previa do proxecto pretende evitar alegacións por parte do Concello no momento da exposición ao público, e así poder axilizar todo o posible esta obra.

A continuación habería que facer a exposición público, elaborar o proxecto de trazado e, seguidamente, o constructivo, para logo licitar. A conselleira confía en que a licitación se poida realizar no ano que vén, e iniciar as obras en 2018.

O alcalde destacou a importancia desta conexión dado que neste momento a PO-225 é unha vía moi saturada, empregándose, incluso, como alternativa para chegar ao lugar de Liborei. Coa nova variante tamén se resolvería o problema do gálibo da ponte do tren da estrada PO-225, e melloraríase a seguranza viaria no Camiño de Santiago que este ano rexistrou 55.000 peregrinos.

A construción desta variante regularíase coa sinatura dun convenio pendente de concretar, pero xa se adiantou que o Concello podería facerse coa titularidade da PO-225, e a Xunta podería facer unha senda peonil nesta estrada que una San Caetano con Pidre.

Conexión coa estación de autobuses

O alcalde e a conselleira aproveitaron para abordar o tema da intermodalidade das estacións de autobuses e de tren na cidade. Ethel Vázquez adiantou que a Xunta estudou a proposta do Concello de facer unha vía exclusiva para autobuses que parta da avenida Josenifa Arruti para entrar directamente na estación de autobuses. Inicialmente a proposta é viable “dende o punto de vista do tráfico e tamén economicamente”, explicou a conselleira.

Con esta actuación o Concello mellorará o tráfico diante da estación e tamén favorecerá o tráfico peonil en toda a zona.

A estrada vella de Marín

Finalmente tamén abordaron a situación da estrada vella de Marín. O alcalde informou que o Concello solicitará a cesión parcial desta vía, dado que existe un ámbito moi urbano que está dentro da cidade, especialmente o ámbito de Mollabao onde se atopa unha residencia da terceira idade, un colexio e o centro de especialidades do Sergas. “A Xunta vai a estudar esta petición, sen compromiso, e veremos se se pode facer”, explicou Lores.

O alcalde de Pontevedra destacou que “foi unha reunión agradable e razonable, na que chegamos a acordos en practicamente todos os aspectos tratados. O que máis me interesa, é que a administración competente entenda o problema e aposte por resolvelo. Hai vontade política”.