Andorra, Grenoble e Sète piden audiencia a Pontevedra

206
  1. O Concello de Pontevedra arranca o 2017 con varias citas estatais e internacionais na súa axenda para continuar a dar a coñecer o modelo de cidade a petición de distintos foros e gobernos que se puxeron en contacto coa Alcaldía para saber, de primeira man, da experiencia de Pontevedra. O Goberno de Andorra la Vella, as localidades francesas de Grenoble e Sète e o I Congreso Iberoamericano para policías pola seguridade e a educación viaria, serán as citas nas que xa traballa o Goberno Local para este primeiro trimestre do ano.

    O pasado 10 de xaneiro entrou no Concello a petición do Goberno de Andorra para coñecer Pontevedra. A súa Consol Maior Conxita Marsol trasládalle unha carta ao alcalde na que lle solicita poder ter unha entrevista con el, cos responsables políticos de mobilidade e cos técnicos municipais para abordar o modelo urbano. Explica que Andorra la Vella está inmersa na elaboración dun Plan de xestión integral de mobilidade e “ao longo de todas as nosas consultas sempre xurdiu o exemplo de Pontevedra como modelo a seguir”.

    Nestes momentos estase en contacto co Goberno de Andorra la Vella para casar axendas e fixar data da visita a Pontevedra.

    A mediados de mes, o 17 de xaneiro chegou á Alcaldía o convite do alcalde de Grenoble para que Pontevedra participase na “Bienal das Cidades en Transición” que aborda a problemática ambiental nas cidades, e que se celebrará entre o 9 e o 12 de marzo  naquela localidade francesa. Logo do éxito do proxecto “Pontevedra peatonal”, tal e como recolle o convite de Éric Piolle, maire de Grenoble, entende que a presenza da cidade do Lérez naquel encontro poderá ser “tan enriquecedor como inspirador para futuras iniciativas que perseguen abordar os retos medioambientais urbanos”.

    A Alcaldía tamén está en contacto coa comarca de “Thao agglo” -conurbación da localidade do sur de Francia Sète que aglutina a uns 94.000 habitantes das comunas de Balaruc-les-Bains, Balaruc-le-Vieux, Frontignan, Gigean, Marseillan, Mireval, Sète e Vic- la-Gardiole- para fixar unha data de visita a Pontevedra para coñecer o desenvolvemento do modelo urbano.

    Jean Guy Majourel, presidente do Conseil de Développement de Thau agglomération, envioulle unha carta ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores solicitándolle unha xornada de estudo para “aprender, clarificar e intercambiar acerca dos puntos técnicos e administrativos esenciais que deben terse en conta para pór en marcha un tipo de proxecto como o que veñen desenvolvendo en Pontevedra”.

    I Congreso de policías pola seguridade e educación viaria

    Finalmente, Pontevedra xa confirmou a súa presenza no I Congreso Iberoamericano para Policías pola seguridade e a educación viaria que se celebrará os 27 e 28 de abril en Puente Genil para ser protagonista do II Panel das xornadas baixo o título “A cidade: seguridade, educación e mobilidade sostible” na que intervirán tanto o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores como o intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle, que compartirán mesa coas policías locais de Coria e Mairena de Aljarafe. Este segundo panel contará, probablemente, coa presenza do pedagogo Francesco Tonucci.