As parroquias do rural recibirán 8.000 composteiros neste ano

55
    • O Concello traballa no prego de compra dos composteiros que se repartirán polo rural pontevedrés neste ano.
    • Terán un custe duns 800.000 euros.

O Concello de Pontevedra traballa na elaboración dos pregos técnicos para a compra de 8.000 composteiros individuais que repartirá en todo o rural pontevedrés. O custe aínda está por pechar, pero a estimación é que cada composteiro teña un custe duns 100 euros, o que suporá un investimento duns 800.000 euros.

A concelleira responsable do servizo de limpeza e recollida do lixo, Carme da Silva explicou que esta é a cantidade de composteiros recomendados para o rural pontevedrés que figura no Plan de Residuos do Concello de Pontevedra que elabora a Deputación provincial, ao amparo do Plan Revitaliza.

As características técnicas deste contrato están por definir pero, a priori, xa se avanzou que pode se saque todo o lote conxunto, aínda que non se entreguen nunha única anualidade (debido á contía). Tamén se valorará introducir nos pregos que a empresa que subministre os composteiros tamén se encargue da distribución deles no rural pontevedrés.

Tamén estará por decidir, por onde se iniciaría o despregue dos composteiros individuais, pero dende o Concello apóstase polas parroquias do norte do Concello: Verducido, Santa María e Santo André de Xeve.

Carme da Silva explicou esta mañá que non se poden adiantar datas de cando será ese despregue, pero a intención do Goberno Local é que se inicie neste mesmo ano.