Estamos na actualización da ordenanza de verteduras á rede de saneamento

43

O Concello leva un tempo traballando na actualización do regulamento de verteduras á rede de saneamento e xa está na recta final, segundo confirmou hoxe o portavoz do Goberno local, Raimundo González Carballo. De feito, engadiu, só está pendente dos informes da asesoría xurídica e do secretario do pleno para que poda ir ao pleno.

A actual ordenanza municipal de verteduras á rede de saneamento, do 20 de abril de 2007, ten que ser modificada co fin de que recolla as modificacións legais derivadas da Lei de augas 9/2010, do regulamento do ano 2012 e da Directiva de servizos da UE.

O portavoz do Goberno local apuntou que estamos diante dunha modificación practicamente completa da ordenanza, que sinalará a distancia entre o produtor da vertedura e a rede de sumidoiros e os supostos que se excepionan, e dicir os casos nos que e non habería que conectarse a rede e que son:

  •  cando non hai posibilidade de conectalo por unha vía de acceso rodado pública o de uso público
  •  cando hai que atravesar estradas doutras administracións tanto estatais, autonómicas ou provinciais e vías de tren
  •  cando é imposible conectar porque está tendida (soterrada) a rede eléctrica, a rede de gas ou a rede de comunicacións
  • cando haxa que cruzar un río ou regato
  • unha de carácter xeral, por imposibilidade técnica como poder ser a dureza do terreo ou o ancho do camiño non permite pasar por aí a rede de sumidoiros

Respecto a distancia que haberá que ter para facer a conexión a rede de sumidoiros “estase a avaliar a posibilidade de poñer a que recolle a Xunta no seu regulamento, que é 50 metros, fronte aos 100 metros que recolle a ordenanza actual, dende a casa á conexión”

“O novo regulamento municipal de verteduras á rede de saneamento será de aplicación con independencia do modelo de xestión da rede de sumidoiro, directa ou indirecta” rematou o concelleiro e portavoz do Goberno local, Raimundo González.