21 traballos concorren a primeira edición dos premios de banda deseñada (BD) Virxinia Pereira, a prol da Igualdade que promove o Concello de Pontevedra en colaboración co debuxante Kiko da Silva e o Garaxe Hermético.
Os premios de BD Virxinia Pereira, que levan o nome da responsábel de que o legado de Castelao, o seu home, chegase até nós nacen cun dobre obxectivo: visibilizar ás, até agora, escasas autoras de banda deseñada e impulsar a perspectiva de xénero neste ámbito son os obxectivos da convocatoria.
O fallo darase a coñecer o Día da Muller, o 8 de Marzo.
Os participantes no certame tiveron que presentar -en formato dixital ou impresos- unha historieta de seis páxinas de BD, orixinarias, cun contido que fortaleza a reflexión crítica sobre o papel social das mulleres e homes e en galego.
As historietas gañadoras serán a base dunha exposición de banda deseñada, que formará parte da programación dos actos do 8 de Marzo e conformará unha publicación destinada aos centos educativos.
Hai tres premios Virxinia Pereira:
- 1º premio, de 2.000 euros, un curso de verán no Garaxe Hermético e a publicación do traballo
- 2º premio, de 1.000 euros, un lote de banda deseñada e a publicación do traballo
-
3º premio, de 500 euros, un lote de banda deseñada e a publicación do traballo
A entrega dos premios incluirá tamén a homenaxe a unha autora de banda deseñada o ue terá un dobre obxectivo: por unha banda recoñecer o seu traballo e por outra abrir as portas a referentes femininos no mundo da BD.