Pasos adiante cara a reforma das rúas Gorgullón, Virxe do Camiño, Loureiro Crespo e Cruz Vermella

217

O concelleiro de Mobilidade e Obras, Luís Bará, informou hoxe das previsións de obras e proxectos de maior entidade nas que se está a traballar co fin de sacalas adiante neste mandato: ponte do Burgo, rúa Gorgullón, Virxe do Camiño, Loureiro Crespo e Cruz Vermella.

Nos cinco casos adxudicáronse os contratos para a redacción dos proxectos construtivos e os estudos topográficos necesarios mediante asistencia técnica. “Calculamos que debería estar todo ao longo do mes de abril, entón teríamos anteproxecto para presentar e traballar cos demais grupos políticos e a veciñanza desas zonas”.

A situación das actuacións é a seguinte:

Ponte do Burgo. Está feito o proxecto básico e xa en Patrimonio. Agárdase a resposta de Patrimonio, se lles parece ben ou se hai que mandar algo máis. “Contratamos por separado o que é a obra civil e o proxecto de iluminación, que é especial, ornamental e preferimos unha empresa especializada nestes traballos” explica o concelleiro

Rúa Gorgullón. Contratóuselle a elaboración do proxecto básico e estudo topográfico a unha asistencia técnica: José Vicente Rodríguez Pagán e Daniel Gómez Ayaso. Están traballando na reordenación do espazo e da mobilidade.
Un dos cambios principais sería inverter o sentido do tráfico na rúa, que pasaría a ser de entrada na cidade. Pero non funcionaría como un vial de tráfico continuo se non que tería un tratamento máis de tráfico residencial, de tráfico de servizos.

Se vai a intervir tamén sobre as tres transversais que comunican Eduardo Pondal co Gorgullón, das cal só quedaría con tráfico a primeira -a travesía de Eduardo Pondal- e as outras dúas -rúa do Muiño e da Moa- deixarían de ter tráfico rodado. Son rúas cunha pendente moi forte polo que intervirase para, mediante ramplas, mellorar a accesibilidade peonil e corrixir a perigosidade actual.

Están deseñados distintos esbozos para a futura rúa na que se pretende que quede estacionamento inda que non continuo, só no lado dereito, sentido de entrada. O arborado estará no mesmo lado.

O máis novidoso será a intervención que se pretende facer no inicio da rúa, ao lado das estacións. Facer na zona unha praza máis ampla que serva tamén como porta de entrada do Camiño de Santiago na cidade, ampliando a praza que hai alí, aproveitando o xardín que xa hai e a escultura do Camiño.

– Virxe do Camiño. Nesta caso a asistencia técnica foi adxudicada ao arquitecto José Ramón Garitaonaindia.

Principais novidades: desaparece a rotonda de Eduardo Pondal, a función do xiro farase na rotonda seguinte o que facilitará o acceso a Uxío Novoneyra. Daráselle un tratamento máis acorde coa accesibilidade e a mobilidade do Camiño xacobeo. No cruce coa avenida Eduardo Pondal, habilitarase unha segunda porta de entrada ao Camiño máis propiamente na cidade, con algún elemento informativo.

O resto da rúa terá un tratamento distinto e quedará para paso de tráfico esencialmente residencial. Terá un tráfico máis reducido, de servizo. O último tramo (dende Mariscal Pardo de Cela ata Sagasta) será plataforma continua.

– Loureiro Crespo. O proxecto foi adxudicado aos arquitectos Xulio Rodríguez e Daniel Reboira. Comprende dende a praza do Hospital ata a avenida de Lugo pero terá tratamentos distintos.

Da praza do Hospital á rúa Antón Fragas. Será unha zona de transición, non será propiamente peonil porque ten o acceso a Urxencias do Hospital, aos garaxes e ao Centro de Transfusións.

Antón Fraguas- vello cuartel da Garda Civil. Sentido único de circulación, case seguro de entrada á cidade.

Cuartel da Garda Civil- avenida 12 de Novembro. A idea e manter neste tramo o dobre sentido de circulación

12 Novembro- avenida de Lugo. Terá sentido único, inda que está por ver cal.

– Cruz Vermella. Adxudicóuselle a asistencia técnica a AT Plan. O proxecto inclúe o remate da rúa Cruz Vermella que non está reformada, a contorna do CEIP Vidal Portela, a rúa Salustiano Portela e melloras na praza da Castaña.

COMPARTIR