Aprobada a contratación do campo de fútbol de herba sintética de Cerponzóns

221
    • O orzamento é de 1.027.893,51 euros e inclúe varias melloras que poden presentar as empresas para mellorar a súa puntuación no concurso.
    • O campo está pensado para competicións oficiais polo que disporá de materiais homologados pola FIFA.
    • O proxecto disporá, ademais, do campo de dous edificios: un de vestiarios e outro de cantina, mellorando todos os seus servizos.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o proceso de contratación do novo campo de fútbol de herba sintética de Cerponzóns, en Chan do Monte, por valor de 1.027.893,51 euros para crear unha instalación deportiva de primeira categoría para uso de todo o Concello. Esta obra está enmarcada dentro do plan de renovación e construción de novas infraestruturas do Concello no que se atopan proxectos como a reforma da cuberta do Pavillón Municipal, a o Pavillón da Parda, a reforma das Piscinas de Campolongo, a reforma do campo de fútbol de A Xunqueira, o campo de fútbol de Salcedo ou o de Gatomorto, en Xeve, entre outros.

Segundo consta nos pregos de licitación, o prazo de execución da obra é de 6 meses dende a sinatura do contrato, e se inclúen melloras ao proxecto que son potestativas das ofertas que se presenten. As melloras propostas son:

    • Incremento do período de mantemento
    • Mellora dos equipamentos deportivos
    • Instalación de peche perimetral e portón de peche
    • Mellora dos espazos libres que deixe a demolición e construción dos novos vestiarios.

O proxecto

O proxecto do campo de fútbol de herba sintética de Cerponzóns contempla un terreo de xogo dunha superficie de 105×63 metros, é dicir, permitirá a creación dun campo de fútbol 11 e dous campos de fútbol 7. Crearase con materiais recomendados pola FIFA para poder seren utilizados en competicións oficiais, igual que o que se está a instalar na Xunqueira.

O complexo tamén disporá de dous edificios: un será o dos vestiarios, xa que está previsto derrubar as actuais instalacións. Este terá 392 metros cadrados con catro vestiarios para xogadores, dous para árbitros, enfermería e almacén para aparellos de fútbol, limpeza e outros elementos. Tamén disporá dunha sala de instalacións.

Construirase un segundo edificio -máis pequeno- que substituirá á cantina que tamén se derrubará. Terá aseos e novos accesos.

Serán edificios de liñas rectas, sinxelos, de formigón sen que destaquen demasiado para que non invadan a paisaxe espectacular. Levarán unha parede de vidro, que será a que dá ao campo. E todo o edificio estará recuberto dunha celosía metálica que impide a visión de fóra cara dentro. Permitirá a entrada da luz durante o día, e facer del un edificio eficiente durante a noite.

O tellado será de pedra granítica transitable.

Sepárase o acceso dos deportistas e do público e o complexo terá auga quente dunha caldeira de biomasa.

A colaboración do Consello parroquial

Este novo campo é froito da intensa colaboración de todas as entidades da parroquia, especialmente dos propietarios do campo, así como o Servizo de Deportes (antes Instituto Municipal de Deportes) que definiu algunhas das necesidades da instalación.

A construción do campo de fútbol pretende consolidar este núcleo de centralidade parroquial, será un punto de atracción deportiva e quere ser unha instalación rendíbel social e economicamente.

Os servizos municipais xa teñen orde de iniciar todo o proceso administrativo para a contratación do proxecto, que podería ter un prazo de seis meses de execución.

COMPARTIR