As Xornadas da memoria analizan a pervivencia do franquismo na sociedade actual

97
  • “Sobre vivencias: As consecuencias do golpe de Estado do 36, hoxe” celebrarase na Casa da Luz os días 28, 31 de marzo e 1 de abril
  • Abordarase a permanencia do réxime nas institucións, na economía e no relato do que pasou, e a súa influencia sobre problemáticas tan actuais como o machismo, a corrupción ou o medio ambiente
  • As vítimas e as súas familias terán, coma sempre, protagonismo coa conferencia da psicóloga Anna Miñarro sobre a herdanza do trauma

Analizar ata onde chega a presenza do franquismo na sociedade actual é o obxectivo da quinta edición das Xornadas da Memoria do Concello de Pontevedra que terán lugar na Casa da Luz durante os días 28, 31 de marzo e 1 de abril.

Baixo o título “Sobre vivencias: As consecuencias do golpe de Estado do 36, hoxe”, o encontro abordará a pervivencia do franquismo desde un punto de vista amplo: estudarase o   mantemento do relato elaborado pola ditadura para desprestixiar a II República e xustificar o golpe de Estado; a continuidade das elites franquistas nas institucións democráticas e nos emporios empresariais, así como a súa influencia nalgunhas das máis graves problemáticas actuais, como o machismo, a corrupción ou mesmo as eivas medioambientais.

Organizadas pola Concellería de Patrimonio Histórico que dirixe Luís Bará, as xornadas darán como sempre protagonismo ás vítimas e as súas familias, coa inclusión no programa dunha conferencia da prestixiosa psicóloga catalá Anna Miñarro, co-directora da investigación sobre o trauma psíquico e a transmisión entre xeracións.

O programa abrirase o martes 28 de marzo cunha conferencia centrada na corrupción franquista desde o punto de vista económico, e en concreto no espolio de Meirás. O título da mesma é “O espolio do Pazo de Meirás. Unha historia de abusos e corrupción” e será impartida a partir das 20.30 horas polo investigador Carlos Babío e o historiador Manuel Pérez Lourenzo.

O venres 31 de marzo e baixo o título “O que puido ser e o que somos” analizarase a influencia do fascismo nalgunhas das problemáticas da sociedade actual, con tres intervencións concatenadas a partir das cinco da tarde: A primeira será a do historiador Xosé Álvarez Castro, que falará dos avances republicanos truncados polo golpe, e en especial do ensino e as sociedades agrarias. A segunda da historiadora Encarna Otero, que falará do atraso que supuxo para as mulleres en particular a chegada dun franquismo que aniquilou os dereitos logrados na II República. Por último, Luís Bará, concelleiro e parlamentar, analizará a pegada no territorio e na paisaxe.

A xornada do venres pecharase cunha mesa redonda sobre a transmisión da represión franquista, que abordará o mantemento do discurso elaborado polos golpistas e o uso de distintas ferramentas como o teatro, o audiovisual ou a banda deseñada para contar o verdadeiro relato do que pasou.

Moderada pola xornalista e escritora Montse Fajardo, contará coa presenza de María Lores, neta de Aurelio Torres, canteiro asasinado no 36; Susana Sánchez Aríns autora de Seique, que falará da transmisión da memoria familiar desde o punto de vista das familias dos represores;  Esther F. Carrodegua autora do texto da obra de teatro Voaxa e Carmín sobre as dúas Marías de Compostela, e Julia Lago, participante no documental A pegada dos avós onde alumnado de secundaria pescuda no relato da  represión.

A pervivencia do trauma nas familias e nas institucións

A última xornada, a do sábado 1 de abril, iniciarase ás dez e media da mañá coa conferencia da psicóloga clínica e psicoanalista catalá Anna Miñarro, que abordará a transmisión do trauma entre xeracións na conferencia “O rostro e o rastro da violencia (1936-1939”.

Pechará o programa o historiador e escritor Carlos Velasco Souto, encargado de disertar sobre os vestixios do franquismo nas institucións democráticas. Será a partir das 12.00 na charla “Franquismo sem Franco. Pervivências do espírito da ditadura no estado democrático”.

A inscrición nas xornadas, de balde, xa se pode realizar a través do correo electrónico: patrimoniocultural@pontevedra.gal.

Consulta o programa:

Programa das V Xornadas da Memoria Histórica: Sobre-Vivencias