Ves a Lérez? Festa da Orella e Memorial Antonio Odriozola

105

A XI Festa da Orella, o domingo 26 de marzo e o XIX Memorial Antonio Odriozola, os días 25 e 26 de marzo porán o foco enriba de Lérez durante toda a fin de semana. Gastronomía, música, xogos, artesanía e a exposición da camelia daranse cita na parroquia, coa veciñanza como protagonista.

“Interésanos a promoción das festas nas que os veciños e veciñas están na súa preparación” sinalaba a concelleira de Festas, Carme da Silva, ao carón dos presidentes da Asociación de veciños de Lérez, María Xosé Abilleira (promotora da Festa da Orella) e Manuel Ogando, presidente da Asociación cultural Stmo. Cristo del Consuelo (promotora do Memoria Antonio Odriozola).

Medio cento de persoas traballan na organización da cita gastronómica que se desenvolverá no adro do Mosteiro de Lérez. Os que se acheguen poderán gozar de orella (ao estilo tradicional, en empanada ou doce) pero tamén de churrasco e polbo. Os prezos están moi axeitados: cazola de orella, 5 euros (inclúe viño e pan); empanada, 3 euros; orella doce, 50 céntimos a unidade; polbo e churrasco (inclúe críollo e patacas), 8 euros.

A festa é o marco elixido pola Escola dos Gaiteiros das Rías Baixas para que os pequenos que van a ela fagan o seu debut. Será este grupo o que poña a banda sonora á festa, na que tamén haberá tempo para unha sesión DJ. Os nenos e nenas poderán gozar de inchables de balde.

Por outra banda, o XIX Memorial Antonio Odriozola reunirá a 28 expositores no Mosteiro de Lérez, entre eles Eusebio López, gañador do Concurso da Camelia de Vigo.

A exposición da camelia terá o seguinte horario:
-Sábado, 25: de 17.30 a 20.30 horas
-Domingo, 26: de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas