Andorra la Vella toma nota do modelo Pontevedra

224

A implantación da velocidade 30 km/h; a limitación da circulación ao tráfico “de necesidade”, a convivencia de peóns, bicicletas e coches nas rúas e a inversión das prioridades na cidade co fin de pór ás persoas sempre por diante. Son aspectos do modelo urbano dos que tomou boa nota a Cónsol major (alcaldesa) de Andorra la Vella, Conxita Marsol Riart quen, ao fronte dunha delegación oficial, achegouse a Pontevedra para coñecer polo miúdo un deseño de cidade recoñecido internacionalmente.

A delegación do Goberno local de Andorra mantivo unha intensa sesión de traballo -de dúas horas- cos responsábeis municipais dos departamentos de Urbanismo (normativa legal), José Manuel Tato; Mobilidade, Daniel Macenlle e Obras, Jesús Gómez Viñas no Concello de Pontevedra.

Xunto a alcaldesa Conxita Marsol estaban os consellers de Urbanismo e Aparcamentos, Josep Antoni Cortés Puig e de Medio Ambiente e Innovación, David Astrié Padilla

Antes do comezo da reunión o alcalde Miguel Fernández Lores deu a benvida aos representantes do Goberno local de Andorra la Vella, cos que rematada a sesión de traballo fixo unha visita pola cidade para ver a realidade do chamado modelo Pontevedra.

O alcalde, xunto co xefe da Policía Local, Daniel Macenlle, guiou o percorrido polo centro da cidade, subliñando actuacións de mobilidade, obras e exemplos de convivencia que fan de Pontevedra un modelo a ter en conta á hora de pensar nunha transformación urbana. “Eles tamén teñen unha cidade moi compacta, con moito comercio e están querendo tomar medidas de mellora de calidade urbana, para facer de Andorra la Vella unha cidade máis habitábel, máis humana, máis atractiva” explicou o alcalde de Pontevedra quen declarouse encantado e orgulloso de amosar o feito en Pontevedra. Mais, porén, subliñou que cada quen ten que atopar o seu propio modelo.

A alcaldesa Conxita Marsol explicou que na súa cidade comezouse a peonalización das zonas comerciais e que miran cara a Pontevedra na procura de ideas que lles permita seguir a avanzar na humanización da cidade. “Gústanos o que vimos pero somos distintos: temos unha climatoloxía distinta e somos unha cidade con grandes desniveis o que obriga a pensar noutros modelos” sinalou a alcaldesa. “Tomamos boa nota de cuestións como as referentes á seguridade vial, á pacificación e convivencia dos peóns e a circulación” engadiu Conxita Marsol quen ve no modelo Pontevedra un referente de mobilidade.

BRAGA (Portugal)

Mañá venres 24 de marzo tomará o relevo unha delegación da Cámara Municipal de Braga co concelleiro de Urbanismo, Miguel Bandeira ao fronte. Neste caso xunto aos responsábeis políticos e técnicos municipais estarán un equipo da consultora CINESI, que representa ao departamento de Mobilidade da Cámara de Braga na rede CityMobilNet do proxecto europeo URBACT.

Os responsábeis políticos de Braga e da consultora que estarán en Pontevedra teñen coñecemento e traballaron xa sobre o modelo pontevedrés pois tamén eles camiñan na dirección de recuperar á cidade para as persoas. Braga ten a área peonil máis grande de Portugal.