“Aquí cántase” convida aos veciños a cantar nas prazas na Peregrina

66

    • É un proxecto nacido dos Cantos de Taberna e aberto a todos os pontevedreses para que, logo de catro días de ensaio, poidan cantar durante a semana da Peregrina.
    • Ensaiarán 20 temas nos locais sociais de Lérez, Salcedo e Gorgullón para cantar diante do Principal e do Museo, e nas prazas de Ourense e Celso García de la Riega.

Cantos de Taberna dá un salto cara adiante. A Concellaría de Festas en colaboración coa asociación Maravallada propón aos veciños de Pontevedra saír a cantar ás prazas da cidade da man de “Aquí cántase”, coa intención de recuperar os cantos en grupos amplos de persoas como era habitual nas tabernas, unha actividade propia da historia da Galiza que se estaba a perder, e que o proxecto Cantos de Taberna procuraba recuperar.

Segundo Luís Torres, membro de Maravallada, este proxecto nace da experiencia de Cantos de Taberna e da necesidade que detectaron das moitas persoas que se foron achegando ao programa, de cantar “e nas tabernas hai unha limitación de espazo”.

Para iso a Asociación Maravallada organiza catro ensaios de canto para toda a cidadanía nos centros sociais de Lérez (o referente para todo o norte do concello); o de Salcedo (o referente para o sur) e o Gorgullón para a cidade. Estes ensaios terán un repertorio de 20 cancións. Os membros de Maravallada explicaron que a intención non é que as persoas que queiran participar canten ben, senón tratar de coñecer as cancións para que os cantos sexan máis fluídos.

Os ensaios serán:

    • Lérez:
      • 10 de abril
      • 8 de maio
      • 12 de xuño
      • 10 xullo
    • Gorgullón:
      • 20 de abril
      • 18 de maio
      • 22 de xuño
      • 20 de xullo
    • Salcedo
      • 27 de abril
      • 25 de maio
      • 29 de xuño
      • 27 de xullo

Con todos estes ensaios, as persoas participantes cantarán durante as festas da Peregrina, o día 11 de agosto, nas prazas de Ourense, diante do Teatro Principal, na praza de Celso García de la Riega, e diante do Museo provincial.

As persoas interesadas poderán inscribirse en:

www.pontevedra.gal/supercantos

ou no teléfono: 986 80 43 00 ext 7107