Discurso con motivo do Día internacional do Síndrome de Down

6

Vicepresidente da Xunta
Deputada de cohesión social da Deputación
Amigos da Asociación Xuntos
Hoxe conmemoramos o día internacional do Síndrome de Down, e estamos moi contentos
de que este ano lle tocara a Pontevedra organizar os actos para toda Galiza.

A asociación Xuntos é para nós, os pontevedreses e pontevedresas, un exemplo de profesionalidade, rigor e bo traballo, por iso foron galardoados co Premio Cidade de Pontevedra, a nosa maior honra, pasando a formar parte da nosa historia urbana.

Xuntos naceu un 26 de decembro de 1991 ao redor dun grupo de familias que buscaban mellorar as vidas das súas fillas e fillos.

Hoxe é unha entidade capitaneada por Manuel Pérez Cabo, e desenvolve as súas tarefas a través dun magnífico elenco de profesionais que contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual e das súas familias.

Para isto desenvolven un gran número de programas para os que sempre estamos a súa disposición.

Xuntos está a piques de iniciar unha nova etapa con novas instalacións máis acordes ás necesidades que teñen e as dimensións que a asociación vai adquirindo, polo que aproveitamos para darlles os parabéns e transmitirlle o orgullo que nos produce ver medrar entidades como esta case á par que a construción do noso modelo de cidade centrado nas persoas e que, como Xuntos, recolle numerosos premios e recoñecementos.

É posible que o cambio máis radical que se está a dar na sociedade sexa o máis elemental: as persoas con discapacidade son persoas exactamente iguais que as que non teñen recoñecida oficialmente ningunha discapacidade.

O enfoque de traballo moitas veces pasa por crear espazos especiais coa mellor das intencións, para facilitar o coidado, para estar seguros ou para mellorar as súas “especiais competencias”.

Sen pretender minimizar o esforzo que se teña feito noutros lugares, compre dicir que en Pontevedra partimos dunha premisa diferente.

Non creamos espazos para “eles” senón que creamos espazos para “nós”, para todos e para todas, independentemente das características que cada un.

Non practicamos o paternalismo coidador, senón que buscamos unha cidade segura e accesible onde as persoas, todas as persoas, e as que teñen síndrome de down ou discapacidade intelectual tamén. Para que todos nos poidamos desenvolver con plena autonomía, cada un de acordo ao seu estilo de vida e ás súas decisións.

Partimos do principio básico de que a dignidade é igual para todos e para todas e isto, que parece tan lóxico, non adoita ser o punto de partida para tomar as decisións políticas necesarias para crear unha cidade onde todo o mundo poda sentirse igual de cómodo.

Creamos un espazo físico, un modelo de cidade onde a unidade de medida estaba marcada polas persoas que máis dificultades teñen para moverse.

Así fomos vendo que, respetando esas coordenadas, estabamos construíndo unha cidade inclusiva, unha cidade capaz de ser vivida con dignidade por persoas con Síndrome de Down, por maiores, por nenos, por nenas e non só por ese sector da poboación que pretende ser a vara de medir por considerarse “normais”.

A vara de medir debe ser outra, debe ser a que permita gozar da cidade sen obstáculos nin físicos nin mentais a todos os veciños e veciñas.

Esa é Pontevedra e ese é o mellor presente que podemos entregarvos. Agardo que sexa para vós tan importante como o é para nós.

Sede benvidos a esta nosa cidade, a Pontevedra, que agora tamén é vosa, creada desde o respecto a diversidade e desde a procura da dignidade das persoas sen distinción, sen etiquetas, AS PERSOAS CON MAIÚSCULAS.

Agardamos que a vosa estadía entre nós sexa feliz e que non sexa a última. Sempre seredes ben acollidos. E parabéns a Xuntos polo traballo feito en todos estes anos e na organizacións deste acto.

Moitas grazas

COMPARTIR