Fenosa confirma ao Concello a intención de baixar a liña de alta tensión de Monte Porreiro

57
    • O propósito da eléctrica é baixar a liña dende a subestación de Mourente até o río. Tamén está previsto soterrar a liña de media dos Campos e a que baixa cara Tafisa.
    • Aínda que os prazos están sen concretar, a empresa fará os traballos entre este ano e o que vén.

“Hoxe é un gran día”, así comezaba hoxe a súa comparecencia o concelleiro de responsable da área urbana, Luís Bará ao anunciar ao remate dunha reunión que mantivo cos responsables de Fenosa, que o soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro será un feito entre este ano e o que vén.

Explicou que o soterramento da liña está incluída dentro do plan de investimentos de Fenosa dos anos 2018-2020 e inclúe o soterramento da liña de alta tensión situada dende a subestación de Mourente (rotonda de Montecelo) até o río. Serían arredor de 1,8 quilómetros, dos cales arredor de 700 metros discorren polo barrio de Monte Porreiro, e permitiría eliminar nove torres de alta tensión.

Luís Bará destacou que “logo dun parón de anos”, tras o investimento do Concello de medio millón de euros para facer a galería para soterrar a liña “agora ve a luz este desexo da veciñanza”.

Logo da reunión, o concelleiro xa mantivo unha reunión co enxeñeiro municipal para ver as posibilidades do trazado deste soterramento. Pode ser pola rúa Portugal, pasando pola Uned, Os Campos e a rúa da Pomba. O único inconveniente desta opción é ter que actuar na zona recentemente tratada dos Campos.

Outra das posibilidades de canalización é aproveitar un camiño que sae a man dereita da rúa dos Campos, cara os Areás, vía que xa está previsto asfaltar.

Sexa cal sexa a opción escollida polos técnicos, Luís Bará adiantou que o Concello colaborará e impulsará esta obra tan necesaria para toda a zona, especialmente, para o barrio de Monte Porreiro.

Ademais, tamén está previsto que proximamente se baixe a liña de media tensión dos Campos, e tamén existe un acordo entre a Deputación e Fenosa para soterrar a liña de media que baixa por Tafisa.

Fenosa sería a encargada de executar toda a obra.